Cambian os horarios de recollida de lixo en Monforte para facilitar a conciliación dos traballadores
O Concello de Monforte informa que os días de Noiteboa e de Fin de Ano haberá cambios no servizo de recollida do lixo co obxectivo de permitirlles aos traballadores que poidan pasar esas noites na compaña das súas familias.
Así, os días 23 e 30 de decembro, os cubos habilitados diariamente para a recollida de lixo quedarán depositados na rúa ata o inicio da recollida dos días posteriores, 24 e 31 de decembro.
Polo tanto, os días 24 e 31 de decembro a recollida comezará ás 15 horas e rematará ás 19 horas. Este horario de recollida afectará tanto ao servizo de recollida de fracción resto coma ó servizo de recollida de cartón porta a porta no casco urbano de Monforte. Procederase á recollida de lixo e recollida de cubos.
Por outra parte, os días 25 e 31 de decembro de 2023 e o 6 de xaneiro de 2024 a empresa de recollida de lixo realizará os servizos propios e habituais de domingos e festivos.
A concellería de Medio Ambiente lamenta as molestias que puideran derivarse deste cambio e, ao mesmo tempo, pídese a colaboración de todos os veciños e veciñas, así como dos comerciantes.