Búscase unha empresa que mellore unha nave que alberga servizos e locais da administración de Monforte
O Concello de Monforte vén de publicar na Plataforma de Contratación a licitación para a mellora de accesibilidade e acondicionamento da nave que está situada no número 13 da rúa Duquesa de Alba, que é propiedade do Concello.
Esta edificación alberga distintos servizos e locais da administración municipal, en concreto, nela sitúanse os locais do persoal da Brigadas de Obras, Parques e Xardíns (Medio Ambiente) e dos Técnicos Electricistas, así como a oficina e almacén de Protección Civil do Concello.
Esta planta baixa está actualmente dotada de diversos almacéns que albergan todo tipo de material das distintas Brigadas, así como aseos, unha oficina e un aparcamento para vehículos municipais.
Actuacións que mellorarán a accesibilidade e os servizos da nave
“Esta actuación ten por obxectivo mellorar e adaptar estas instalacións da nave da rúa Duquesa, que estaban obsoletas, e que son utilizadas polo persoal municipal das distintas brigadas de obras e servizos para que poidan contar cunhas instalacións axeitadas ás súas necesidades, á vez que se aumenta a seguridade de uso desta edificación”, explicou o alcalde, José Tomé.
Así, a obra consistirá na mellora das dependencias da actual planta baixa, os aseos, a oficina e os diversos almacéns utilizados polas Brigadas municipais. Polo que respecta á planta alta da nave, levarase a cabo a construción duns novos vestiarios e aseos, adaptados e accesibles, e melloraranse os almacéns existentes.
Ademais, para acceder á planta alta, instalarase un novo ascensor accesible, cunha cabina de 1,40 x 1,10 metros e construirase tamén unha escaleira de acceso a esta planta alta, dotada dunha varanda de seguridade. "Todos estes elementos cumprirán os requisitos establecidos pola normativa de aplicación en materia de seguridade e accesibilidade”, asegurou o rexedor.
Prazos e orzamento
O prazo de presentación de ofertas para aquelas empresas que estea interesadas en levar a cabo estas actuacións de mellora permanecerá aberto ata o ata o 24 de outubro de 2023. As mesas de contratación terán lugar o día 30 de outubro, a mesa administrativa, e o 6 de novembro a mesa para apertura da oferta económica.
Unha vez sexa adxudicada a obra, o prazo de execución da mesma será de 4 mese e o orzamento que destina o equipo de Goberno para esta actuación é de 90.000,02 euros co IVE engadido.