Buscan emprendedores para asentarse en Bóveda

RibeiraSacraXa
O concello participa na segunda edición de Hola Pueblo, un proxecto que conecta emprendedores con pobos na procura de habitantes
28 Xan 2021

O Concello de Bóveda participará na segunda edición de Hola Pueblo, un proxecto que pretende impulsar a repoboación nas áreas rurais facilitando o contacto de persoas que desexan facer realidade o seu proxecto de emprendemento no medio rural con pobos na procura de novos habitantes. 

A filosofía do proxecto, que promoven Red Eléctrica España, Correos e AlmaNatura, é a de aproveitar a tendencia que se está a notar co aumento de persoas interesadas por realizar un cambio de vida cara o rural, atraídos por unha vida máis saudable e sostible co medio ambiente.

Na nova edición de Hola Pueblo participan, ademais de Bóveda, outros 69 municipios, e serán asesorados 35 proxectos de emprendemento.

FUNCIONAMENTO

Os propios concellos que participan en Hola Pueblo son os encargados de detectar as súas áreas de oportunidade de emprendemento e os recursos cos que contan. É unha maneira máis de promocionar o municipio a través do proxecto, xa que contan coa posibilidade de recibir novas empresas xestionadas polos novos poboadores.

O Concello de Bóveda presentou entre os seus atractivos dispor de servizos como farmacia, colexio e centro de saúde; a existencias de vivendas para alugar ou mercar e dispoñibilidade de persoal técnico de apoio e información para  os novos emprendedores.  A maiores, fixeron fincapé en que o Concello pertence á Ribeira Sacra, que podería ser declarada Patrimonio Mundial e é porta de entrada ao Xeoparque Mundial da Unesco.

Indican tamén que o municipio está dotado de fibra óptica, hai parcelas do polígono a disposición e é unha zona con canle de regadío Val de Lemos, e sinalan que o sector agrogandeiro como o que concentra a maior posibilidade de desenvolvemento.

0.13365292549133