Bufón e amigo de Prisciliano

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
De Foliada en Reigada, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
13 Oct 2022

Por Moncho Paz

Acaba de cumprir os setenta e na actualidade lidera a Igrexa Patólica no barrio madrileño de Lavapiés, onde me recibe solemne e co seu uniforme de gala. Recoñecido mundialmente polas súas extravagantes actuacións teatrais e innumerables accións provocadoras, procede dunha antiga liñaxe de comediantes excéntricos e de pallasos circenses chegados de Italia, Francia, Inglaterra, Austria e Polonia. Amado ou odiado polo bufón que é, nunca buscou o consenso como artista ou como home. A súa arte, libre de convencións, ofrece ao público unha experiencia apaixonante, sensacional e estremecedora, onde a provocación é unha linguaxe e non un propósito. Refírome a Leo Bassi (Nova Iorque, 1952), membro de Amigos de Prisciliano, Europa Laica e máximo representante da Igrexa Patólica no planeta Terra.

O patolicismo é unha verdadeira relixión que sacraliza o humor e a risa como expresión do máis alto intelecto humano.

Chámase así polo culto ao deus Pato, unha divindade a imaxe e semellanza dun pato de goma amarelo de bañeira. O deus Pato representa valores fundamentais como a humildade, o optimismo e o espírito lúdico, pero reivindica tamén o dereito á burla como acto transcendental. A Igrexa Patólica declárase filla da Ilustración e defensora da dúbida como escudo contra escurantismos, totalitarismos ou supersticións. E cada domingo, calquera pode asistir ás misas ateas e mesmo pasar polo altar para contraer matrimonio patólico, nunha cerimonia oficiada polo propio Bassi.

Leo pasou a súa infancia no circo familiar, viaxando continuamente, nunca tivo un país de referencia e sempre garda a lembranza de grandes cómicos como Groucho Marx, Charlie Rivel e outros recoñecidos membros da escena teatral que tamén facían cinema e tiñan o circo como denominador común. “Vivín sen ter un país propio, seguindo aos meus pais por camerinos, pistas, carpas, teatros… e mudando constantemente de rexistro, dun idioma a outro. A miña familia actuou durante moitos anos en Estados Unidos, Canadá, Austria, Francia, Italia… Así cheguei a converterme en cidadán do mundo. Outro recordo é coñecer a grandes personalidades de clase humilde; porque non crecín entre aristócratas, senón co pobo, coa xente máis básica, pero que tiña un orgullo de non depender de ninguén e ser totalmente libre. A última vez que vin o interior dunha escola tiña quince anos, non cursei estudo oficial algún, fíxeno todo pola miña conta até chegar á Universidade, lendo libros nos intres libres”, confésame cun amplo sorriso.

Bassi é un autodidacta en toda regra, como a xente do circo. E coa referencia permanente de grandes iconas. O seu pai traballou co Gordo e o Fraco, el era moi pequeno cando finaron, pero coñeceu moitas anécdotas deles. E o seu avó fixo o propio con Sydney Chaplin, o irmán de Charlot. A educación de Leo baseouse na idea de que non hai que axeonllarse ante ningún poder. “Somos igual de fortes ca o máis forte. A mentalidade americana do self made man, o eterno misterio do bufón que se outorga a si mesmo o dereito para insultar ao rei ou ao emperador, sen necesidade de que alguén llo ordene, senón porque se cre con ese dereito”. Charles Chaplin, Charlie Rivel ou Groucho Marx demostrárono. A proba está  no poder de Chaplin, que mentres tiña problemas coas autoridades norteamericanas, escribiu, dirixiu e protagonizou a película “Tempos modernos”, unha crítica feroz ao capitalismo salvaxe e ao taylorismo.

O seu pai contáballes que na rouloute da familia Bassi había tantos fillos (sete) que xa non cabían todos dentro. El era un dos máis pequenos e a súa avoa fixo unha caseta baixo aquel fogar móbil con camas, metía alí aos nenos e despois pechaba, así que o seu pai tiña que ouriñar antes de ir durmir porque despois quedaba encerrado toda a noite. Isto contábao con orgullo, e el fica fachendoso de proceder dun mundo así; se puxo en marcha proxectos como o Bassibus ou a Igrexa Patólica é porque non pensa axeonllarse fronte a señores como Rouco Varela, persoeiro polo cal amosa especial antipatía.

Antes de despedirnos até a vindeira ocasión, non podo evitar preguntarlle como se considera en realidade. Bufón, pallaso ou provocador? “Bufón, sen dúbida, porque é o que represento”, responde sen matinalo demasiado, aínda que axiña explica que “o pallaso perdeu moita da súa forza, quedou relegado á imaxe de pais e fillos rindo xuntos e a min nunca me interesou ese tipo de pallaso”. Garda na casa carteis do século XIX onde se anuncian actuacións de circo con pallasos e indícase “función prohibida aos nenos”. De feito, o circo era considerado un dos espectáculos máis atrevidos da época, pensaban que era demasiado sofisticado e daba excesivo medo para que entrasen os raparigos; a idea de que o circo se identifique cos máis pequenos é propia dos séculos XX e XXI.

Nas  pantomimas e “performances” que organiza polo mundo adiante, Leo Bassi reivindica permanentemente a figura do bufón e tamén do circo como era antes, cando o histrión precisaba ao resto de artistas. “Os bufóns son músicos, malabaristas, acróbatas… e representan para o pobo un traballo manual difícil, por iso son dignos de admiración”. Así remata unha conversa apaixonante con este home de mundo, a quen aproveito para convidar a que visite Reigada, berce de mentes ilustres e terra sempre acolledora co viaxeiro.

moncho paz colaboracion
0.15684390068054