Bóveda pon o seu Viveiro Industrial de Empresas á disposición dos emprendedores da zona

RibeiraSacraXa
O espazo inclúe unha nave de 769 metros cadrados, oficinas, zonas comúns e distintos servizos de apoio á actividade empresarial
viveiro-industrial-de-empresaas-boveda
1 Apr 2026

O Concello de Bóveda puxo á disposición de emprendedores e empresas o novo Viveiro Industrial de Empresas, situado no parque empresarial do municipio. O Goberno local deu a coñecer a normativa que regula o acceso e o funcionamento deste espazo, que inclúe unha nave de 769 metros cadrados, oficinas, zonas comúns e distintos servizos de apoio á actividade empresarial.

A publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Lugo do Regulamento de Funcionamento e Admisión do Viveiro Industrial de Empresas implica que, ao non presentarse alegacións durante o período de exposición pública, o acordo plenario provisional pasa a ser definitivo e faise público o texto íntegro da normativa.

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, destacou que “a publicación deste regulamento supón un paso decisivo para a posta en funcionamento do viveiro industrial e permitirá dar continuidade ao proceso de incorporación das primeiras iniciativas empresariais, contribuíndo así á creación de emprego no municipio”.

O documento establece o funcionamento do espazo, o procedemento de adxudicación das instalacións, así como as normas de uso e as relacións entre os cesionarios e o órgano de xestión. O obxectivo do viveiro é ofrecer un espazo temporal equipado para o desenvolvemento de proxectos empresariais en condicións favorables, facilitando a súa consolidación e a súa posterior saída ao mercado en condicións de competencia.

O viveiro está situado no parque empresarial de Bóveda e conta cunha nave de 769,65 metros cadrados, ademais de máis de 600 metros cadrados de zonas comúns e un espazo de almacén ou formación práctica. Dispón tamén de despachos, zona de recepción, espazo polivalente, zona de descanso e aseos. A xestión realizarase directamente dende o Concello, que ofrecerá servizos como acceso a ferramentas telemáticas, reprografía, mantemento, asesoramento empresarial, información sobre axudas, formación e apoio na dinamización e comunicación dos proxectos.

O espazo está destinado a persoas ou empresas con proxectos de creación ou de recente constitución, sempre que conten cun plan empresarial viable. Poderán acceder tanto iniciativas aínda non constituídas, que deberán formalizarse nun prazo máximo de seis meses, como empresas con menos de doce meses de antigüidade. Será necesario desenvolver actividade de carácter industrial e contar con domicilio social e fiscal en Bóveda ou comprometerse a trasladalo en caso de resultar seleccionadas.

A selección dos proxectos realizarase mediante convocatoria pública e será avaliada por unha comisión que terá en conta a viabilidade técnica e económica, a creación de emprego, o carácter innovador e outros aspectos sociais. As empresas poderán permanecer no viveiro durante un período inicial de doce meses, prorrogable ata un máximo de 48 meses.

A posta en marcha do viveiro supuxo un investimento próximo aos 450.000 euros, financiado nun 80 % pola Xunta de Galicia e nun 20 % polo Concello de Bóveda. Posteriormente, o Concello obtivo unha axuda autonómica de máis de 51.600 euros destinada a mellorar as instalacións e o equipamento do centro.

0.12370800971985