Bóveda mellorou o miradoiro astronómico da Serra de Penas grazas a unha axuda da Xunta

RibeiraSacraXa
Durante unha visita ao concello, o delegado da Xunta de Galicia, Javier Arias, subliñou que o Goberno galego sufragou o pasado ano iniciativas en 18 concellos lucenses cun orzamento de 539.000 euros
miradoiro-astronomico-serra-de-penas-boveda
21 Feb 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informou do programa de axudas para a mellora das infraestruturas turísticas en concellos de ata 10.000 habitantes, que convoca no DOG Turismo de Galicia, destacando que “supón unha oportunidade para potenciar o turismo como factor de crecemento económico e de reequilibrio territorial favorecendo aos municipios rurais de menor tamaño”.

Arias comprobou dúas das actuacións executadas na provincia nos últimos meses ao abeiro deste plan, o miradoiro astronómico de Bóveda e unha ruta de sendeirismo en Rábade. Expuxo que a pasada edición financiou un total de 18 proxectos noutros tantos municipios da provincia, sumando achegas por importe de 539.000 euros.

O miradoiro astronómico, situado na Serra de Penas, vén a engrosar a oferta turística de Bóveda cunha proposta innovadora no marco do turismo de natureza. Os traballos consistiron na adecuación da explanada, a instalación dunha plataforma de pedra aserrada, e a colocación de tres cadeiras con reclinación para a observación do firmamento, con capacidade para dúas persoas cada unha.

En Rábade mellorouse unha senda peonil circular e a súa conexión coa ruta da Insuas, incluíndo a dotación dunha área de descanso, instalación de elementos de sinalización e adecuación de mobiliario.

A convocatoria deste ano está dotada con 2 millóns de euros e as achegas poden solicitarse desde mañá e ata o 28 de marzo; concédense en concorrencia non competitiva por orde cronolóxica de entrada ata esgotar o orzamento. Cada concello pode presentar unha solicitude e o importe máximo da subvención será do 100% do investimento subvencionable co límite de 30.000 euros.

Javier Arias invitou aos concellos a optar a estas achegas para avanzar na recuperación e fomento da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística que fundamenta os seus atractivos turísticos.

0.17087411880493