Bóveda mellorará as instalacións do viveiro de empresas do polígono empresarial

O Concello de Bóveda vén de obter unha axuda da Xunta de Galicia para a mellora das instalacións, dotación e equipamento do novo viveiro de empresas, situado no polígono empresarial de Bóveda e de recente construción.
O Goberno local solicitou 51.607 euros, dos cales a Xunta financiará o 80% en dúas anualidades, mentres que o 20% restante o asume o Concello de Bóveda.
Os traballos consistirán en actuacións de climatización, eficiencia enerxética e melloras tecnolóxicas e de infraestruturas.
Tal e como explica o alcalde, José Manuel Arias, o novo equipamento e a dotación das novas infraestruturas técnicas “permitirán un funcionamento máis eficiente das instalacións, menor consumo de enerxía, maior eficiencia enerxética, menor custo asociado e unhas mellores prestacións”.