Bóveda estrea un novo miradoiro na Serra de Penas

RibeiraSacraXa
A actuación contou cun orzamento de 30.000 euros e ten como obxectivo fomentar o turismo neste concello, que suma así tres miradoiros
Miradoiro-boveda-serra-de-penas
Novo miradoiro na Serra de Penas, en Bóveda
6 Nov 2024

O Concello de Bóveda vén de estrear un miradoiro astronómico na Serra de Penas, preto do miradoiro do Alto do Coto. A actuación, que ten un presuposto de 30.000 euros, foi financiada por Turismo de Galicia a través dunha liña de axudas para a diversificación do turismo nos concellos de menos de 10.000 habitantes.

O obxecto desta intervención consistiu na creación dun miradoiro específico e especializado para observar o firmamento, na contorna doutro miradoiro existente paisaxístico que é o do Alto do Coto.

O alcalde, José Manuel Arias, explica que a implantación elixida, vén dada, fundamentalmente, por dúas cuestións ben diferentes. Por unha parte, a escaseza de oferta turística específica para este campo. E por outra, unha calidade imprescindible para poder practicar este tipo de observacións, que é a nula contaminación de luz do espazo no que se empraza.

O rexedor precisa que “con esta intervención preténdese ampliar e complementar a oferta turística do Concello de Bóveda, que suma así tres miradoiros, diferentes e complementarios”.

“As obras consistiron en acondicionar un miradoiro astronómico que permite ver e desfrutar da visión do firmamento contemplando todas as constelacións que se sitúan nesta latitude”, detalla.

O proxecto en detalle

O proxecto consistiu na execución dunha plataforma de pedra pulida a nivel do chan, de xeito que se facilita o movemento controlado das persoas sen risco de caídas, de noite e sen luz. Sobre esta plataforma colocáronse tres cadeiras - tumbonas, que permiten sentarse para acadar unha posición de reclinación idónea para a observación do firmamento. Estas cadeiras teñen capacidade para dúas persoas cada unha delas.
A maiores, no medio da plataforma poderán instalarse os equipos de observación que van montados sobre trípode. Por outra banda, está previsto instalar un cartel indicativo co planisferio correspondente a esta latitude.

0.20243215560913