A XXI Feira Outrora de Rubián encheu a vila de música, artesanía e tradición

RibeiraSacraXa
Máis de 35 postos ofrecéronlle ao público exposicións, demostracións en vivo e diversas actividades nesta cita consolidada xa como referente ma promoción da cultura tradicional
feira-outrora-rubian-2025
XXI Feira Outrora de Rubián
15 Jul 2025

Bóveda celebrou este luns, 14 de xullo, unha nova e exitosa edición da Feira Outrora de Rubián, que alcanzou xa a súa XXI edición consolidada como unha cita de referencia para a promoción da artesanía e a cultura tradicional galega.

Ao longo de toda a xornada, máis de 35 postos ofrecéronlle ao público exposicións, demostracións en vivo e diversas actividades. Entre as propostas destacaron a exhibición de escultura con motoserra, obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño, catas gratuítas de produtos como tenreira galega, queixos con denominación de orixe ou a torta de Sarria, ademais de actuacións musicais e teatrais.

A programación incluíu o pasarrúas do Grupo de Gaitas do Concello, a actuación das Pandereteiras Xograres de Lemos, teatro a cargo de Raquel Crespo e un concerto da Coral de Bóveda na Capela. Un dos momentos máis destacados foi a recreación dunha malla tradicional no campo da festa, que puxo en valor o patrimonio agrario da zona.

A cita pechouse cunha degustación de isco no guiso e unha sesión musical a cargo do DJ Vizcaíno, nun ambiente festivo e familiar.

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu tamén á feira, na que se promocionaron produtos agroalimentarios de calidade dentro do programa “Experiencias de Calidade” da Consellería do Medio Rural. Celebráronse catas e degustacións de queixos galegos premiados, presentadas por Salomé Beiroa, ademais de produtos de Artesanía Alimentaria da man de Chelo López e o chef Marcos Arufe. A carne de Ternera Gallega tamén foi protagonista con diferentes actividades.

⚙ Configurar cookies
0.16564607620239