Bóveda busca atraer emprendedores a través do programa HolaPueblo
O proxecto 'HolaPueblo', do que forma parte o Concello de Bóveda, ten xa dispoñible o formulario de inscrición para entrar no proceso de selección para aquelas persoas que teñan unha idea de emprendemento e interese en instalarse no medio rural. Desde o goberno local animan aos emprendedores interesados en darse de alta no proxecto a través da web www.holapueblo.com
Seleccionarase a 35 persoas emprendedoras que terán acceso a un proceso de mentorías individualizadas, dirixidas a desenvolver a súa idea de negocio e acompañamento na procura de municipio, facilitando información relevante e poñéndoos en contacto directo con aqueles concellos compatibles coas súas necesidades persoais e profesionais.
O rexedor de Bóveda, José Manuel Arias, explica que os emprendedores “poden aproveitar esta oportunidade unida á próxima convocatoria de axudas Leader para o desenvolvemento rural do GDR Ribeira Sacra Courel”.
70 MUNICIPIOS ADHERIDOS
Un total de 70 municipios, de 24 provincias e 9 comunidades autónomas, participarán na II edición de 'Holapueblo'. Con este proxecto, do Grupo Rede Eléctrica, Correos e AlmaNatura, preténdese impulsar a repoboación nas áreas rurais facilitando o contacto de pobos en procura de novos habitantes con persoas que desexan realizar un cambio de vida, poñendo en marcha un proxecto de emprendemento no medio rural e instalándose alí.
A inscrición de municipios estivo aberta para todo o territorio nacional e tras analizar as solicitudes seleccionáronse aos 70 municipios que formarán parte da segunda edición do programa. Avaliouse o perfil dos 112 municipios rexistrados, baseando a selección naqueles criterios aos que os emprendedores lle dan máis importancia como dispoñer de boa conectividade a internet e oferta de vivenda, consultorio médico e centro educativo, entre outros. En holapueblo.com pódense consultar os criterios que se tiveron en conta durante o proceso de selección.
Os municipios seleccionados están nas provincias de Almería, Huelva, Málaga, Sevilla, Huesca, Teruel, Zaragoza, Cantabria, Albacete, Ciudad Real, Cuenca, Guadalaxara, Burgos, Palencia, Salamanca, Soria, Zamora, Castellón, Valencia, Badaxoz, Cáceres, Lugo, Ourense e Navarra.
'Holapueblo' beneficiará aos municipios rexistrados coa elaboración dunha ficha técnica do municipio e unha reportaxe fotográfica que estarán dispoñibles na plataforma web, a promoción do municipio e a posibilidade de recibir novas empresas xestionadas polos novos poboadores.