Bóveda acolle un curso sobre enxertos e podas dos castiñeiros
Chega o vindeiro luns 8 de novembro a Bóveda un curso sobre enxertos e podas dos castiñeiros de froito para unha correcta renovación dos soutos. Dita acción terá lugar no salón de actos do Concello en horario de tarde, de 18 a 22 horas.
Esta formación persegue que os produtores e futuros produtores de castaña orienten as súas plantacións aos mercados actuais, cunha visión global dos coidados e mantementos que deben levar a cabo para unha mellora na saúde e na produción do froito.
Nesa liña, os contidos da iniciativa centraranse primeiramente nas razóns para enxertar e nos tipos de árbore. Canto á poda, falarase dos seus obxectivos e das particularidades da poda de formación e da poda de produción, así como das ferramentais ideais para levala a cabo.
Cómpre apuntar que este curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. Así, cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021.