Bóveda acolle a xornada formativa O castiñeiro de froito
O próximo 8 de novembro celébrase no salón de actos do Concello de Bóveda unha xornada formativa organizada por Castaña de Galicia, titulada O castiñeiro de froito. Está promovida polo Departamento de Investigación e Transferencia da Axencia Galega de Calidade Alimentaria.
A acción formativa celébrase a partir das 18 horas, será totalmente de balde e terá unha duración aproximada de 4 horas. Os interesados en participar poden inscribirse previamente de varias formas: ou descargando a folla de inscrición no enlace da web da Consellería do Medio Rural, cubrindo o formulario e enviándoo a: info@castanadegalicia.org; ou presencialmente, na Casa do Concello, onde hai follas de inscrición a disposición dos interesados.
Esta xornada está destinada ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, ou con expectativa de incorporación, en especial mozos e mozas do medio rural galego.
O programa ten como obxectivos os de explicar a planificación das plantacións de castiñeiros en función das zonas e do destino final do produto e complementar a formación impartida na edición anterior para manter ao día aos produtores de castaña sobre novidades, investigación, tratamentos actualizados de doenzas así como orientalas sobre as tendencias técnicas e de mercado.