Bóveda abre o prazo de inscrición para o servizo de madrugadores e a Ocioteca do vindeiro curso

O Concello de Bóveda terá aberto ata o 20 de agosto o prazo de inscrición para os servizos de conciliación e actividades infantís do vindeiro curso escolar 2025/2026.
A Aula de Madrugadores comezará o 8 de setembro e estará dispoñible de luns a venres de 8:00 a 10:00 horas para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Poderá empregarse de forma semanal ou puntual, en función das necesidades de cada familia.
Ese mesmo día dará comezo tamén a Ocioteca, que se desenvolverá en horario de tarde, de 16:30 a 18:30 horas.
Ademais, o Concello ofrece actividades infantís en inglés, que se organizarán os luns de 16:30 a 19:00 horas para o alumnado de educación infantil e os martes de 18:00 a 19:00 horas para educación secundaria.