BNG e PP reclaman que José Tomé abandone tamén a Alcaldía de Monforte

Tras a dimisión de José Tomé á fronte da Deputación de Lugo e da Secretaría Xeral do partido na provincia, PP e BNG esixen que dimita tamén como alcalde de Monforte. Ambas formacións coinciden en que “non pode manter o cargo”.
O BNG de Monforte considera “incoherente” que renuncie a un cargo institucional de primeiro nivel mentres conserva a Alcaldía, e esixe a súa dimisión por “responsabilidade política, coherencia institucional e respecto ás vítimas”.
Ademais, sostén que “non é asumible” que Tomé continúe á fronte do Concello tras facerse públicas as acusacións coñecidas nos últimos días. A organización lembra que “a responsabilidade en política hai que esixila nos mesmos termos a todos os cargos públicos e máis aínda a quen ostenta representación institucional”, e insiste en que, “sen prexuízo da presunción de inocencia”, quen dimite da Deputación “debería facer o mesmo respecto da Alcaldía”.
Os nacionalistas reafirman o seu apoio ás vítimas e consideran que a situación compromete a estabilidade da cidade, ao tempo que instan o PSOE a ofrecer explicacións claras e actuar con responsabilidade.
Na mesma liña, o PP tamén reclama a marcha de Tomé da Alcaldía e da Deputación como deputado non adscrito. Critican que “José Tomé e o PSdeG seguen sen dar explicacións sobre o acontecido, nin aclarar o contido das denuncias presentadas”, e, aínda que subliñan o seu respecto “á presunción de inocencia”, expresan o seu “profundo rexeitamento” ante este tipo de condutas.
Por iso, consideran que, “por responsabilidade e coherencia”, Tomé debe deixar tamén a Alcaldía de Monforte e o seu escano provincial. O PP reclama ademais á dirección socialista galega e provincial que esclareza “se eran ou non coñecedores dalgunha das denuncias” e que adopte medidas urxentes “ante a súa propia inacción”.