BNG e Esperta Monforte rexeitan a construción dunha ponte sobre o río Cabe

RibeiraSacraXa
Consideran que se trata dun “atentado medioambiental e urbanístico” e aseguran que presentarán alegacións e impulsarán un movemento cidadán para intentar frear o proxecto
Paseo-do-Malecón-Monforte
27 Mar 2026

Os grupos municipais BNG e Esperta Monforte amosan o seu rexeitamento ao proxecto de construción dunha nova pasarela sobre o río Cabe, ao considerar ambas formacións que a obra estaría “sobredimensionada” e tería un forte “impacto ambiental e urbanístico”, ademais de supoñer un “elevado custo económico”.

“Estamos ante unha das zonas máis valiosas da cidade. O proxecto contempla ramplas de acceso de ata case 3 metros de altura, alterando completamente a beira do río e introducindo elementos alleos á súa contorna natural, cun impacto claramente desproporcionado”, sinalan os nacionalistas, que advirten de que a infraestrutura “transformará de maneira irreversible” esta zona. Ademais, apuntan que “non existe unha xustificación clara que avale esta obra nin se teñen estudado seriamente alternativas” e que un dos argumentos utilizados para xustificar o proxecto é a peonalización da ponte vella, algo que, segundo indican, “pode abordarse con medidas de mobilidade e ordenación do tráfico sen necesidade dunha actuación tan agresiva e custosa”.

Desde o BNG aseguran que xa están a preparar alegacións contra este proxecto, en coordinación con asociacións ecoloxistas, e advirten que non descartan impulsar accións na rúa para informar e mobilizar a veciñanza.

Na mesma liña, Esperta Monforte cualifica o proxecto de “atentado medioambiental e urbanístico” e afirma que xa puxo en marcha un proceso de alegacións ante a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, ademais de traballar cos partidos da oposición para impulsar un movemento cidadán baixo o lema “Salvemos o Malecón”.

0.11831188201904