Besteiro reivindica en Monforte o impulso dos gobernos socialistas ás infraestruturas en Galicia
![besteiro-monforte](https://ribeirasacraxa.com/wp-content/uploads/2025/02/besteiro-monforte.jpg)
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou este sábado en Monforte que “mentres o PP crea desigualdades, os socialistas construímos futuro”. Besteiro presidiu a última xornada do primeiro ciclo de conferencias Diálogos con Raíz, centrada na mobilidade por estrada e ferrocarril, co que os socialistas galegos convocaron en toda Galicia dende finais do ano pasado aos principais expertos nos asuntos fundamentais para o tecido social e económico de Galicia.
O líder dos socialistas galegos contrastou a xestión en positivo e de impulso das vías de comunicación por parte dos socialistas cos gobernos do PP, que “consolidaron unha Galicia a dúas velocidades, a dos privilexiados e a dos esquecidos, tamén en infraestruturas”. Advertiu que o goberno do PP leva 16 anos de tempo perdido nun asunto “clave para cohesionar Galicia e crear oportunidades económicas e sociais”.
Subliñou que mentres o PP só avanzou “en propaganda”, os socialistas “demostramos con feitos que é posible outra Galicia” traendo a conexión co AVE a Galicia, bonificacións nas autoestradas, investimentos para facer avanzar o Corredor Atlántico e unha aposta real polo transporte público”. Dixo que “mentres o PP se queixa e bloquea, nós traballamos por unha Galicia cohesionada, na que ninguén quede atrás”, para demostrar que “Galicia avanza cando gobernamos os socialistas”.
O secretario xeral do PSdeG puxo como exemplo o voto en contra do PP -esta mesma semana- ao decreto ómnibus co escudo social, que evidencia que “mentres o PP se dedica a bloquear e criticar, nós traballamos porque Galicia necesita seguir avanzando”. Advertiu que o PP “sempre estivo en contra das medidas que melloran a vida da xente, como os abonos gratuítos de tren incluídos no Decreto Ómnibus que primeiro rexeitaron e que agora din apoiar”.
Mentres o Estado paga o billete do tren e a metade do billete de autobús, a Xunta do PP “só se dedica a protestar en vez de aportar solucións”, mantendo un transporte por estrada “deficitario” onde goberna o PP, cunhas conexións interurbanas que “van tirando”, e un transporte comarcal “insufrible”. O mesmo sucede nas peaxes das autoestradas, que os socialistas comezaron a bonificar para camiñar na gratuidade e o PP “votaba en contra”.
Gómez Besteiro situou o remate das conexións Lugo – Santiago e Lugo – Monforte – Ourense como retos de futuro para reducir as desigualdaes e cohesionar o país. Defendeu a mellora da conexión de Lugo coa Alta Velocidade e o reforzo da liña Ferrol – Coruña e a aposta a longo prazo das liñas de cercanías Ferrol – Coruña e Pontevedra – Vigo, así como un Corredor Atlántico que recibirá máis de 4.500 millóns de euros de investimento ata 2030 mentres o PP “só sabe poñer paus nas rodas”.
Diálogos con Raíz
Gómez Besteiro clausurou a última xornada deste primeiro ciclo de Diálogos con Raíz, que os socialistas galegos celebraron en Monforte de Lemos, e que foi presentada polo presidente da Deputación de Lugo e alcalde da localidade, José Tomé.
A xornada comezou por unha mesa sobre Mobilidade por Estrada moderada polo propio Tomé na que interviñeron a ex secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, o portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Carlos López Font, e a deputada no Congreso e secretaria de Infraestruturas do PSdeG, Patricia Otero.
A continuación tivo lugar a segunda mesa, centrada na Mobilidade por Ferrocarril, moderada polo coordinador dos socialistas galegos no Congreso e no Senado, César Mogo, e na que participaron o comisionado do Goberno de España para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián Ruiz, o director xeral de Negocios e Operacións de Renfe, Óscar Gómez Barbero, e o presidente de Ineco, Sergio Vázquez Torrón.