A música tradicional soou en Xunqueira de Espadanedo para apoiar aos gandeiros afectados polos incendios

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Bandas de música de toda a provincia deron cita no Mosteiro de Santa María de Xunqueira nun concerto solidario organizado pola asociación Os Xuncos
banda-maceda-concerto-incendioos-maceda
Actuación da Banda de Maceda no concerto solidario polos incendios en Xunqueira de Espadanedo
29 Sep 2025

Este pasado sábado, 28 de setembro, o Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo foi escenario dun concerto solidario co obxectivo de apoiar aos gandeiros e gandeiras da zona que sufriron perdas durante os incendios que arrasaron Galicia o pasado agosto.

Organizado pola asociación Os Xuncos, o evento reuniu diferentes grupos e bandas de música tradicional nun mesmo escenario para transmitir esperanza e acompañamento. “A música acompaña, arroupa e tamén cura. Por iso queremos estar ao carón dos nosos gandeiros e gandeiras e recadar fondos que lles axuden a levantarse”, explicaron os organizadores.

Entre os participantes estiveron Os Trabazos (Castro Caldelas), Ruxideiras e Ailá Tarambaina (Arnuide, Vilar de Barrio), a Banda de Gaitas de Esgos, representantes de Os Trintas de Trives e Maceda, Aturuxo do Cenza (Vilariño de Conso), O Lobo da Xente (Xinzo de Limia) e a banda de gaitas Os Xuncos e Xunquereteiras de Xunqueira de Espadanedo.
Todo o recadado destinarase íntegramente aos gandeiros afectados polos incendios.
O concerto combinou música e solidariedade, ofrecendo apoio á comunidade rural e devolvendo esperanza a quen perderon todo co lume.

⚙ Configurar cookies
0.097347021102905