Avazan os traballos de acondicionamento no viveiro Os Trollos, en Bóveda

RibeiraSacraXa
O obxectivo destas actuacións, que contan cun investimento de arredor de 300.000 euros, é facilitar e fomentar o seu uso público
medio-rural-viveiro-os-trollos
27 Sep 2025

A consellería de Medio Rural está a desenvolver traballos acondicionamento no viveiro Os Trollos, situado no concello lucense de Bóveda, para facilitar e fomentar o seu uso público. O investimento nos Trollos sitúase nos 300.000 euros, dentro dun plan máis amplo que inclúe tamén intervencións semellantes no viveiro da Xunta en Santa Cruz, na localidade coruñesa de Oleiros, ata chegar ao medio millón de euros de orzamento total.

As labores consisten, fundamentalmente, na creación e acondicionamento dun sendeiro para os visitantes e dan continuidade aos traballos previos de silvicultura nas masas forestais existentes. No lugar estanse a deseñar e construír as sendas que atravesan o bosque, poñendo en valor os moitos ecosistemas típicos de Galicia que están representados, desde as fragas ás carballeiras, pasando polas plantacións produtivas de castiñeiros, entre outros. Tamén se van plantar os tipos de bosque que non hai nos Trollos, en especial o máis mediterráneo, con especies como a sobreira ou a aciñeira, salientando os seus usos e beneficios.

Asemade, vanse adecuar charcas para anfibios como parte fundamental dos ecosistemas forestais, tendo en conta que a presenza destes animais é un indicador dun ecosistema san. O conxunto completarase coa instalación da correspondente sinalética e explicacións sobre a ruta, así como mesas e bancos para o público.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou este venres os traballos, e destacou a importancia da divulgación da riqueza forestal de Galicia como elemento clave para o seu coñecemento e conservación.

Con esta iniciativa, segundo sinalou a conselleira, trátase de facilitar o percorrido polas distintas masas e de cumprir así as especificacións do Plan Forestal de Galicia referidas á información, divulgación e comunicación sobre o territorio, os recursos e a xestión forestal, para estimular un vínculo ou achegamento positivo e duradeiro coa sociedade.

⚙ Configurar cookies
0.10124397277832