Avanzan as obras de mellora e asfaltado do pavimento do Mercado Gandeiro de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, supervisou na tarde de onte as obras de mellora e asfaltado da pavimentación de todo o entorno do Mercado Gandeiro.
Para a pavimentación de todo o entorno exterior do Mercado Gandeiro, o orzamento total foi de 177.787,13 euros, IVE engadido, e foi adxudicada á empresa Misturas S.A. por un importe de 152.193,80 euros.
Pavimentación do Mercado Gandeiro de Monforte
A obra de pavimentación de todo o entorno do Mercado Gandeiro da cidade obedece, en verbas do alcalde, a que “esta é unha zona que é moi utilizada, especialmente os días de feira, polo que é necesario renovar o seu firme, e pavimentar outras zonas que actualmente non o están, a fin de dar un mellor servizo ós usuarios e os veciños de Monforte”.
Neste senso, a actuación que se está a desenvolver abarca unha superficie total de 12.725 metros cadrados, cunha lonxitude total de vías de 1.200 metros e cun ancho medio de 10,60 metros. Así, estase a colocar unha nova capa de rodadura de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor.
“Este proxecto”, subliña o alcalde, “dá continuidade ao programa de actuacións que o Equipo de Goberno desenvolve no Mercado Gandeiro, pois no ano 2021 acometemos a mellora das cubertas das naves do polbo, cun investimento de máis de 70.000 euros”.
Actuacións
En primeiro lugar, procedeuse ó fresado do firme existente nas zonas necesarias, así como ó levantado da calzada para o rebaixe da súa cota noutras zonas.
Tamén se procedeu ó corte do pavimento nas zonas nas que se colocará a rigola e nas canalizacións de pluviais. Nas zonas que actualmente non están pavimentadas, procederase á apertura de caixa e posterior recheo con base de pedra e triple rego asfáltico. Tamén está prevista a colocación dos bordos correspondentes nos alcorques das árbores.
Na zona das primeiras naves, colocouse unha rigola de formigón para recoller a auga de pluviais e conducila a un sumidoiro que se instalou e que se conectará á rede de pluviais existente, a través dunha canalización de saneamento de PVC.
Despois procedeu-se ó varrido do firme na zona de actuación, previamente á colocación da nova capa de rodadura de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor, con posterior recalce de tapas de arquetas de 40x40 centímetros con tapa de fundición. Por último, procederase ó pintado de marcas viarias e de símbolos e cebreados.