Avanza Pantón entra no goberno local pantonés
A pesar de que o Partido Popular obtivo menos votos que nos comicios pasados, conseguiu acadar a maioría absoluta con 6 concelleiros
José Luis Álvarez volverá ser rexedor do Concello de Pantón despois de lograr a maioría absoluta con 884 votos fronte aos 948 que conseguira nas eleccións municipais de 2019. Estes datos déronlle 6 concelleiros, cos que poderá rematar o proxecto popular para Pantón, que leva desenvolvendo desde o ano 2007.
Por esta razón, presentouse coa mesma candidatura que hai catro anos ao considerar que “é a máis eficaz e que o que funciona non se cambia”. E así foi, afrontando agora a súa quinta lexislatura ao fronte deste concello da Ribeira Sacra.
Pola súa parte, das 1.714 persoas que se achegaron a un colexio electoral a depositar a súa papeleta, 190 optaron polas vermellas, destinadas ao candidato socialista, Roberto Prado, quen conseguiu só 1 concelleiro, restando un dos que tiña no goberno local durante o mandato anterior. No 2019, os socialistas de Pantón conseguiran 340 votos, reducíndose este ano á metade.
No caso do BNG, Rosana Prieto presentouse de novo como candidata á Alcaldía de Pantón e obtivo uns bos resultados, xa que aumentou o seu apoio con 458 votos, mentres que hai catro anos acadara 430. Así, manteñen os seus tres concelleiros no goberno local para ser a forza política da oposición.
CONCELLEIROS ELECTOS
- José Luis Álvarez Blanco PP
- Tamara López Rodríguez PP
- José Vázquez Presas PP
- Manuel López Rodríguez PP
- María Cristina Domínguez Vázquez PP
- José Cesáreo Rodríguez Salgueiro PP
- Rosa Ana Prieto Florines BNG
- Roi López Carmona BNG
- David Álvarez Vázquez BNG
- Jaime González Pereira AV
- Roberto Prado Díaz PSOE
Os nacionalistas quixeron dar as grazas “a todas as persoas que participastes no proceso electoral e a cada unha das persoas que vedes en nós unha alternativa de goberno”. Así, sostiveron que “seguiremos aquí, por compromiso con vós, por obriga moral, por idade e porque en politoloxía o que se miden son as tendencias, e as porcentaxes que nos consolidan como a única forza política con crecemento sostido”, argumentaron.
Ademais, tamén quixeron felicitar ao Partido Popular “polos resultados que recollen unha baixada de voto a esta formación, pero chéganlle para ter seis concelleiros e revalidar a maioría absoluta, moi axustada, pero absoluta”, sostiveron.
Por último, defenderon que “somos a única formación da Corporación saínte que sobe en votos e en porcentaxe, e consolidamos unha tendencia á alza que vimos arrastrando nos últimos anos, en todos os procesos electorais”.
A novidade destes comicios é a entrada no Concello de Pantón da agrupación política independente Avanza Pantón, que obtivo uns resultados moi similares aos do PSOE, con 161 votos, polo que conseguiu un escano e a posibilidade de formar parte do goberno local.
Desde o partido quixeron agradecer a “todos e cada un dos veciños que confiades en nós. Este é o punto de partida dunha carreira de fondo onde Avanza Pantón vai traballar para que todos os veciños deste concello sexan escoitados e cheguen a todas as parroquias os servizos necesarios”, argumentaron.