Avalían o desenvolvemento das obras de mellora do colexio Virxe do Carme de Sober

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Sober, Luis Fernández, para avaliar o desenvolvemento das obras de mellora que a Xunta de Galicia está a acometer no Colexio CEIP Virxe do Carme, así como novas actuacións previstas neste centro.
Nestes momentos está en marcha o cambio da cuberta do ximnasio e xa está rematada a substitución dos canlóns e baixante e a reforma da instalación eléctrica, actuacións todas elas que absorben un investimento de 82.000 euros por parte da Xunta de Galicia.
A maiores, o conselleiro comunicoulle ao alcalde que tamén se vai a proceder á limpeza exterior do colexio e ao pintado das paredes interiores do mesmo. Por último, tamén está previsto o acondicionamento e a dotación de equipamento da aula de psicomotricidade.
Cómpre lembrar que, contando as obras que están en marcha nestes momentos, a Consellería de Educación leva investidos 380.000 euros en diversas melloras no Virxe do Carme. A actuación máis destacada, que absorbeu máis de 250.000 euros, foi a rehabilitación enerxética levada a cabo no ano 2022.