Autorizadas as expropiacións para mellorar a estrada entre Folgoso e Seoane do Courel

RibeiraSacraXa
O Concello da Xunta autorizou a declaración pola que se dispón a ocupación dos terreos necesarios para a mellora da estrada LU-651.
aglomerado obras estradas 2
1 Out 2021

O Consello da Xunta autorizou no día de onte a declaración da utilidade pública pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para a mellora da estrada LU-651 entre Folgoso e Seoane do Courel, no concello lucense de Folgoso do Courel.

O Goberno galego investirá máis de 10 millóns de euros nesta actuación de acondicionamento nesta vía autonómica que conecta o núcleo de Quiroga co de Seoane do Courel, incluíndo o pagamento dos 131 predios precisos para a súa execución.

O proxecto ten coma obxectivo a mellora das características deste tramo da LU-651, no treito de 14 kilómetros de lonxitude comprendido entre os puntos quilométricos 21+600 e o 35+670.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento das actas previas no cuarto trimestre do ano.

A execución das obras realizarase por fases, prevéndose a licitación dun primeiro treito, entre Ferrería Vella e Seoane do Courel a finais do ano ou principios de 2022, por un importe de 3,38 millóns de euros.

Trátase de realizar unha intervención na estrada que compatibilice a mellora da súa funcionalidade e da seguridade viaria cos valores ambientais e paisaxísticos do seu percorrido. Case o 80% do treito considerado son curvas e a recta máis longa é de tan só 96 metros de lonxitude.

A actuación prevé a ampliación da plataforma da estrada, permitindo en todo momento asegurar dous carrís de circulación cun mínimo de 3 metros de anchura, con beirarrúas, agás naqueles puntos onde exista gabia de seguridade. Para isto, será necesario ampliar 11 pontóns, conservando os muros existentes para minimizar a afección desde o punto de vista ambiental.

No proxecto de ampliación inclúese a execución dunha senda entre o núcleo de Folgoso do Courel e a área recreativa de Traspano-Os Alvares, e a implantación de gabias de seguridade transitables de 90 cm de ancho, que permitan mellorar a seguridade viaria e a drenaxe da plataforma.

Tamén se renovarán os sistemas de contención de vehículos, executaranse gabias de seguridade e renovarase a rede de drenaxe lonxitudinal e transversal. Ademais, construiranse 19 muros de contención, realizaranse traballos de sostemento de terras e rehabilitarase o firme en todo o treito obxecto das obras.

No marco deste proxecto prevese tamén habilitar un aparcadoiro para autobuses no contorno de Seoane do Courel, adxacente á parcela na que se localizan actualmente os servizos de Protección Civil.

0.18270397186279