Asomega celebrará este venres en Monforte o seu Encontro de Verán 2025

Este venres, 1 de agosto, o Parador de Monforte de Lemos acollerá o Encontro de Verán 2025 de Asomega, unha xornada dedicada á medicina rural galega. A actividade está organizada pola Asociación de Médicos Galegos co obxectivo de ser un punto de encontro “para unha medicina con raíces e futuro”.
O programa comezará ás 12:00 cunha mesa redonda centrada na relación entre lonxevidade e ruralidade. Participarán responsables sanitarios e profesionais con experiencia no ámbito rural galego, que analizarán a situación actual e achegarán datos e propostas.
A continuación, sobre as 13:30, entregarase a IV Bolsa de Medicina Rural Asomega-SEMG. Este ano recoñécese o traballo desenvolvido nos concellos de Manzaneda e Chandrexa de Queixa, a través dun proxecto que combina saúde comunitaria, alimentación, exercicio adaptado e colaboración con distintos axentes locais. Tamén se concederá un accésit a unha iniciativa posta en marcha dende os centros de saúde da Rúa e Vilamartín para a prevención da fraxilidade en persoas maiores.