A Asociación AGORA de Persoas con Discapacidade da Comarca de Lemos mellora as súas instalacións

A Asociación AGORA da Comarca de Lemos realizou recentemente obras de mellora nun dos aseos do seu centro de atención diurna co obxectivo de seguir avanzando na autonomía e accesibilidade das persoas con discapacidade . A actuación permite que o espazo sexa máis funcional e inclusivo, adaptándose ás necesidades das persoas usuarias.
O novo aseo dispón dun lavabo e dun inodoro regulables en altura, o que facilita o seu uso por parte de persoas con diferentes niveis de mobilidade. Tamén se instalou unha padiola abatible, que posibilita cambios posturais e tarefas de hixiene de forma segura e cómoda. Un dos avances máis significativos é a colocación dunha grúa de teito, pensada para facilitar os desprazamentos dentro do aseo e reducir o esforzo físico tanto das persoas usuarias como do persoal asistencial. Ademais, incorporáronse sistemas de alarma accesibles en todos os aseos, que permiten solicitar axuda de maneira inmediata en caso de emerxencia.
A adquisición deste equipamento foi posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia a través do 0,7% do IRPF, correspondente ás persoas contribuíntes que marcaron a coñecida casiña 106 de Actividades de Interese Xeral para Fins de Carácter Social (X Solidaria). A xestión destes fondos realizouse por medio de COGAMI, entidade da que AGORA forma parte.
A Asociación AGORA leva anos traballando na mellora das súas instalacións, apostando por espazos accesibles, confortables e sostibles. O seu compromiso pasa por ofrecer unha atención de calidade e avanzar no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible recollidos na Axenda 2030.
Creada en 1992, AGORA é unha entidade sen ánimo de lucro que defende os dereitos das persoas con discapacidade na comarca de Lemos, promovendo a súa plena inclusión social. Actualmente conta con 86 persoas asociadas e atende a 32 usuarios e usuarias nos distintos programas e servizos que desenvolve diariamente.