As Xornadas Pacegas regresan en xuño ao Pazo de Tor

O Museo Pazo de Tor acollerá os vindeiros 2 e 3 de xuño a quinta edición das Xornadas Pacegas, un encontro divulgativo que este ano terá como eixo temático a relación entre os pazos (nomeadamente o propio pazo monfortino) e a creación literaria.
Baixo o título “Xornadas de literatura e poesía no Pazo de Tor”, o encontro afondará no papel dos pazos e casas grandes como centros culturais nos que a fidalguía se arrodeaba de persoas de prestixio no mundo das artes e das letras como elemento de prestixio e transcendencia, convertendo estes lugares ora en suxeitos ora en obxectos de creación literaria.
No caso de Tor, son diversos os puntos de encontro entre o Pazo e os seus habitantes e a creación literaria: os Garza adornaron a súa estirpe como trasuntos literarios da man de Benito Vicetto e Valle Inclán; as tertulias literarias ás que acudían Uxío Novoneyra e Manuel María, e tamén artistas como Enrique Navarro, podense entender estendidas ata a actualidade a través de iniciativas como as residencias literarias que se convocaron nos últimos anos pola Rede Museística e a Fundación Uxío Novoneyra.
Académicas, autoras literarias e divulgadoras culturais protagonizarán as ponencias e mesas que ao longo destas dúas xornadas se desenvolverán no Pazo de Tor, en horario de tarde. A asistencia, gratuíta, require inscrición a través do mail a concertacionsrmp@gmail.com.