As Xornadas Micolóxicas 2024 da Asociación Os Lactouros será a finais de novembro
A Asociación Micolóxica Os Lactouros, cunha traxectoria de máis de 40 anos dedicados ao estudo e divulgación da micoloxía, vén de anunciar a celebración das súas Xornadas Micolóxicas 2024, que terán lugar do 21 ao 23 de novembro.
O programa incluirá dúas conferencias no Centro do Viño de Monforte de Lemos e unha saída ao campo con xantar. Ademais, durante as xornadas, contarase cunha exposición de cogomelos onde os membros da asociación clasificarán e exhibirán as especies colleitadas, mostrando a diversidade fúnguica da rexión.
Así, o xoves 21 de novembro ás 20.00 horas terá lugar a charla 'Iniciación á Micoloxía', impartida por Carlos Pérez, presidente de Lactouros, que será unha introdución para quen desexe entrar no mundo dos fungos.
Pola súa parte, o venres 22 de novembro ás 20.00 horas terá lugar a conferencia 'Do bosque á mesa: cogomelos galegos e receitas tradicionais', a cargo do recoñecido micólogo e divulgador Luís Cuba, quen compartirá a súa experiencia na identificación e uso culinario dos cogomelos.
Finalmente, o sábado 23 de novembro terá lugar a saída ao monte para a identificación de cogomelos, seguida dun xantar no Restaurante Abadía San Simón, cun menú especial baseado en cogomelos de tempada. Para participar da comida haberá que inscribirse previamente antes do 20 de novembro.
Ademais, en colaboración co Concello de Monforte de Lemos, a asociación continuará o seu labor educativo levando a cabo xornadas micolóxicas en centros educativos locais, co obxectivo de achegar aos máis novos ao valioso mundo dos fungos.