As xornadas ‘Entrelazar’ regresan a Chantada para reivindicar o oficio da cestería

A Fundación Artesanía de Galicia celebrará os días 27 e 28 de setembro a terceira edición das xornadas 'Entrelazar', centradas na cestería desde unha perspectiva transversal e na conexión entre materiais, territorio e creación contemporánea. A iniciativa, impulsada pola Xunta en colaboración co Espazo Vilaseco e Os Casares en San Cristovo de Mouricios, busca modernizar e innovar no sector artesanal galego tomando como punto de partida os oficios tradicionais, os recursos locais e a contorna rural.
A deseñadora e investigadora téxtil Inés Sistiaga será a comisaria dun programa estruturado en catro mesas de debate, que abordarán cuestións históricas, técnicas, teóricas e experimentais. Entre os temas destacan o papel das materias primas, os cultivos, a paisaxe e as formas nas que os oficios se adaptan aos actuais contextos ecolóxicos, sociais e produtivos.
As xornadas abriranse cunha conferencia da artista Rosana Escobar, que traballa entre Colombia e Europa explorando vínculos entre artesanía, mercado global, arte, deseño e industria.
O sábado celebraranse a mesa 'Material. Contexto e territorio', coa participación dos cesteiros Idoia Cuesta, Belén Martínez e Jorge Filipe de Sá Pinheiro, moderada polo ceramista e arquitecto Carlos Jiménez. Ademáis, tamén terá lugar a actividade 'Oficio. Artesanía e industria', con intervencións de Álvaro M. Leiro, Catuxa Fernández e Enrique de Santiago, baixo a moderación da analista de tendencias Francesca Tur.
O domingo completarase o programa con 'Tempo. Usos históricos', moderada pola tecedeira e historiadora Lala de Dios e coa participación de Alejandro García Hermida, María Martín Seijo e Amelie Aranguren; e 'Experimento. Busca material', con Belén Cabello e Marta Moya de Fondo Supper Club e Stef Silva e Paula Martín de Invisible Lab, moderada pola arquitecta e investigadora Raquel Buj.
Ademais, do 22 ao 26 de setembro desenvolverase no Espazo Vilaseco o obradoiro 'Circula o territorio a través das mans', conducido por Rosana Escobar xunto con Idoia Cuesta e Jorge Filipe de Sá Pinheiro. A proposta xirará arredor do liño e do vimbio cultivados no propio espazo, cun enfoque artístico que vai máis alá da utilidade práctica. A actividade, con 15 prazas, realizarase en horario de mañá e tarde e culminará cunha exposición colectiva dos traballos realizados.