As xornadas de recuperación da memoria da lá desenvolveranse na aldea de Miraz
A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel organiza as Xornadas de recuperación da memoria da lá ‘Dándolle unha volta á lá. Da ovella onde ti queiras’ no marco das actividades vencelladas á celebración do seu 25 aniversario.
As xornadas levaranse a cabo na aldea de Miraz os días 14 e 15 de outubro e pretenden poñer en valor a memoria inmaterial do territorio a través da recreación do proceso de transformación da lá.
O encontro, que coincide coa conmemoración do Día da Muller Rural, reúne diversas actividades prácticas, que vinculan a memoria das mulleres a un proceso en vías de extinción e pretenden a súa revalorización e as actividades permitirán recrear o proceso de transformación da lá de xeito participado.
Obradoiros prácticos
Nas dúas sesións intercálanse unha serie de obradoiros prácticos para coñecer as técnicas de fiado, tinguido e feltrado da lá con outras accións vinculadas á preservación da memoria inmaterial no territorio, como é a visita a un antigo tear na aldea, ou a recreación dun fiadeiro a cargo das propias veciñas da contorna.
Ademais, o domingo 15 de outubro, a xornada terá como peche a presentación do proxecto Cartografías Téxtiles, unha iniciativa promovida por un colectivo de docentes artistas e activistas que pretende dar voz ás comunidades e aos lugares a través de narrativas e técnicas téxtiles coma o bordado.
Unha iniciativa que fala de historias sobre o lugar, de identidades, e problemas medioambientais e que como unha arañeira foise espallando da man deartistas, educadores sociais, educadores artísticos por diferentes comunidades do Brasil, México, Australia, África do Sur, Estados Unidos, Exipto, Arabia Saudita, Alemaña, Chipre, Namibia, España e Portugal.
Así mesmo, esta iniciativa vincularase ao centro educativo do territorio, o CPI Poeta Uxío Novoneyra, que destinará unha xornada lectiva ao intercambio interxeracional entre a veciñanza e alumnado, coa fin de xerar unha posibilidade de transmisión de coñecemento para poñer en valor os saberes vinculados ao patrimonio inmaterial do territorio, permitíndolles abordar de xeito transversal diferentes habilidades para o coñecemento vinculadas ao proceso de transformación da lá.