As xornadas de Artesanía de Galicia volven ao Courel do 6 ao 10 de agosto

A Reserva da Biosfera do Courel acollerá este verán, por quinto ano consecutivo, a iniciativa “Artesanía de Galicia no Courel 2025”, organizada pola Fundación Pública Artesanía de Galicia. Do 6 ao 10 de agosto, varias localidades do Courel serán escenario dun variado programa de obradoiros destinados a achegar o saber facer dos artesáns galegos tanto ao público adulto como infantil.
Así, o Centro Sociocultural Fondo de Vila en Folgoso do Courel, a Fundación Uxío Novoneyra, a antiga escola unitaria e o aloxamento rural A Carbiña, na aldea de Parada, serán o escenario de diferentes obradoiros como iniciación ao torno cerámico, técnicas de ebanistería, ourivería, crochet, cestería en vimbio e elaboración de capazos con fibras. Para participar, será necesario inscribirse previamente.