As traballadoras sociais de Sober impulsan o proxecto 'Redes Lilas. Feminismo desde o pobo e para o pobo'

RibeiraSacraXa
O Concello de Sober lanza unha nova iniciativa coincidindo co Día Internacional da Muller, o proxecto Redes Lilas.
redelilas Sober 8M
26 Feb 2024

O Concello de Sober lanza unha nova iniciativa coincidindo co Día Internacional da Muller, o proxecto Redes Lilas. Feminismo desde o pobo e para o pobo, que xorde da man das traballadoras sociais Ana de la Torre Alvaredo e Patricia González Vidal, coa colaboración externa da educadora social Selene Arias Sáez.

Con ela, preténdese crear un espazo de mulleres, no cal, se leve a cabo de forma conxunta a reflexión e a reivindicación, executando actividades que fomenten o espertar, favorecendo, así, a loita feminista e a consecución dunha igualdade real entre mulleres e homes.

O proxecto consta de seis sesións que se desenvolverán, de forma espazada, nos meses de marzo, abril e maio. Para a participación no mesmo, totalmente gratuíta, é necesario anotarse, pero non é preciso ser do Concello de Sober para formar parte das actividades.

Accións previstas para o Día Internacional da Muller

O propio día, o 8 de marzo, terá lugar a actividade ‘Mirando cara dentro’, coa presentación do proxecto e sesión de achegamento á meditación, á autoescoita e aos movementos do ioga como ferramenta de empoderamento persoal, da man de May Baker Föhring.

O 26 de marzo terá lugar  a actividade Deconstruíndo para respirar, na que se compartirán as similitudes e as dificultades do camiñar como forma de liberación e creación de redes.

Xa o 9 de abril será a quenda da actividade Sober non esquece, coa reflexión arredor da violencia que padecemos as mulleres e convertamos os espazos comunitarios en piares de cohesión e loita.

O 23 de abril terá lugar a actividade As mochilas pesan menos, que consiste en abrazar libremente a nosa creatividade a través da creación de pezas únicas que falen por si mesmas.

Xa o 4 de maio será a quenda de Nós trazamos o camiño, unha andaina feminista e “aquelarre” posterior nun miradoiro do Concello; e o 25 de maio será a última, a de Conquistando a rúa, na que se elaborará un conxunto dun mural no exterior, que dea conta do noso paso por este proxecto e que supoña máis que un final, un principio.

0.20183110237122