As dúas primeiras rutas guiadas do outono de Coureleando terán lugar esta fin de semana

RibeiraSacraXa
Serán os vindeiros 12 e 13 de outubro pola Ribeira Sacra e Monforte como punto de encontro
Coureleando
7 Out 2024

Coureleando organiza as primeiras saídas do outono, que terán lugar os vindeiros 12 e 13 de outubro da man do técnico de montaña Iván, quen guiará as rutas pola Ribeira Sacra de Lugo, e con Monforte de Lemos como punto de encontro.

Así, a primeira será o sábado día 12, na que se fará un percorrido circular pola ribeira do río Sil en Barantes, no Concello de Sober. "Unha zona cunha paisaxe e un patrimonio espectaculares que iremos descubrindo pouco a pouco". Ao remate, o técnico fará unha ruta guiada pola zona de viños de Monforte.

A ruta, que ten unha distancia de 12 quilómetros con desnivel +450 metros, terá a saída ás 09.30 horas e un prezo por persoa de 15 euros.

Pola súa parte, o domingo día 13, e grazas á Asociación de Micoloxía Os Lactouros de Monforte, as persoas que participaron da ruta do sábado, tamén poderán formar parte da clásica Ruta da Cubela, no Concello de Ribas de Sil, comezando na aldea de Torbeo, para continuar en terreo con tendencia chan, até o seu remate en Castro de Abaixo.

"Un percorrido moi cómodo, no que o río Sil volverá ser o protagonista, pero nesta ocasión entre as lousas e minas de ouro romanas que marcan o comezo do seu admirado canón, dentro do territorio do Xeoparque Montañas do Courel", explican.

Os Lactouros teñen organizado, ademais, un xantar por valor de 25 euros con entrantes, troitas e anguías.

Para esta ruta, de 10 km e un desnivel de +185 metros e -560 metros, hai que apuntarse antes do 9 de outubro e a saída será a partir das 09.00 horas.

0.18460893630981