As rutas fluvias pola Ribeira Sacra da Deputación de Lugo acadaron máis de 2.400 vixeiros durante a Semana Santa

As rutas fluviais que xestiona a Deputación de Lugo na Ribeira Sacra rexistraron unha elevada afluencia durante a pasada Semana Santa, con máis de 2.400 persoas que se sumaron aos percorridos polos ríos Miño e Sil.
O bo tempo acompañou durante os días comprendidos entre o 29 de marzo e o 5 de abril, o que favoreceu a participación nos diferentes itinerarios. A institución provincial mantivo operativas as tres embarcacións de forma continuada desde o 30 de marzo ata o 5 de abril, garantindo varias saídas diarias.
Na zona do embarcadoiro de Ponte do Sil, tanto o catamarán Mencía como o monocasco Canon do Sil realizaron viaxes en horario de mañá e de tarde. Pola súa banda, desde o embarcadoiro de Belesar, o catamarán Pelegrín ofreceu saídas fixas ás 11:30 e ás 16:00 horas cada día.
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, valorou positivamente estes datos e sinalou que “un ano máis, durante a Semana Santa, as nosas rutas fluviais pola Ribeira Sacra contaron cunha moi boa acollida, un claro reflexo da calidade deste servizo público e do seu impacto na dinamización económica, social e turística da comarca”.
García Porto destacou tamén o contexto actual da comarca, que aspira a converterse en Patrimonio da Humanidade, e afirmou que “este é un ano clave para a Ribeira Sacra, coa súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, unha iniciativa que a Deputación apoia con firmeza e compromiso”. Neste sentido, engadiu que o impulso ás rutas fluviais contribúe a “poñer en valor os recursos do noso territorio, a fortalecer o sector turístico e a garantir que a Ribeira Sacra siga crecendo como referente de patrimonio, cultura e desenvolvemento sostible”.
De cara ao mes de abril, o catamarán Mencía continuará operando de mércores a domingo con saídas en horario de mañá e tarde na ruta do Canón do Sil, mentres que o Cabo do Mundo manterá as súas viaxes durante as fins de semana. Ademais, prevese un reforzo dos servizos con motivo da ponte do 1 de maio.