As rutas fluviais pola Ribeira Sacra da Deputación de Lugo estrean tempada con preto de 14.000 reservas

As rutas fluviais pola Ribeira Sacra da Deputación de Lugo estrean tempada con preto de 14.000 reservas, preto de mil solo para a Semana Santa. A viaxe inaugural tivo lugar este xoves e contou coa presenza da presidenta da institución provincial, Carmela López, que estivo acompañada de deputados e deputadas provinciais e numerosas autoridades da provincia.
López recalcou que “ano tras ano esta oferta turística, que inclúe viaxes polo Sil e o Miño, alcanza cifras de éxito. Así o demostran as case 60.000 persoas que participaron nesta experiencia na tempada do 2025”, re resaltou “o crecente carácter internacional desta proposta, xa que o pasado ano arredor dun 30% dos viaxeiros foron estranxeiros”. Ademais, a presidenta recalcou que con estas rutas, os participantes poden “desfrutar dun enclave único, como é a Ribeira Sacra, admirar os seus canóns e percorrer algunhas das paisaxes máis impresionantes da provincia”.
No apartado económico, destacou, o programa supón un “importante revulsivo”, non só para esta zona, senón para toda a provincia. “As viaxes xeran un efecto multiplicador en termos de pernoctas e consumo, contribuíndo á dinamización dos sectores hostaleiro, turístico e comercial da comarca. Cada visitante que se achega a este territorio convértese nun embaixador do noso patrimonio”, salientou a presidenta.
López enmarcou esta oferta de ocio “no modelo de turismo polo que apostamos na Deputación de Lugo”. Un turismo que, destaca, aposta pola calidade, a sustentabilidade, as experiencias, e un enfoque dirixido a todo tipo de públicos “co obxectivo de poñer en valor o noso territorio e coidar da contorna que nos rodea”. No marco desta estratexia que está a desenvolver a institución provincial, a Presidenta fixo referencia a outros programas como o ‘Coñece a túa provincia’, o programa de viaxes gratuítas que nesta nova edición ofrece máis de 3.000 prazas para que entidades sen ánimo de lucro descubran a nosa riqueza natural, patrimonial e cultural”.
Nesta nova tempada mantéñense os dous percorridos tradicionais: a Ruta Fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e vai polo Miño. As persoas interesadas en desfrutar dos percorridos poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es.
No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 53 na embarcación Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros no catamarán Pelegrín.
No mes de marzo, as viaxes pola ruta do Canón do Sil comezarán o xoves día 19, con saídas tamén as fins de semana do 21 e 22 e do 28 e 29, en horario de mañá e tarde, ás 11:30 e ás 16:00 horas. Con motivo da Semana Santa, o servizo será ininterrompido do luns 30 de marzo ao domingo 5 de abril. Durante esas datas, o catamarán Mencía operará con saídas entre as 11:30 e as 16:30 horas, mentres que o Canón do Sil realizará percorridos entre as 11:00 e as 16:00 horas. Durante o resto do mes de abril, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta do Canón do Sil, mentres que a ruta do Cabo do Mundo contará con saídas as fins de semana.
No mes de maio, a ruta do Canón do Sil estará dispoñible de mércores a venres, con saídas ás 11:30 e ás 16:30 horas no Mencía, e as fins de semana ampliaranse os horarios, con percorridos desde as 11:30 ata as 17:00 horas no Mencía e desde as 11:00 ata as 16:30 horas no Canón do Sil. Con motivo da ponte do 1 de maio, as saídas realizaranse ás 11:30 e ás 17:00 horas no Mencía e ás 11:00 e ás 16:30 horas no Canón do Sil.
Durante a tempada alta, que abarca os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, haberá servizo diario de luns a domingo, tanto en horario de mañá como de tarde, con diferentes franxas horarias en ambas embarcacións. A partir do 1 de outubro, as rutas pasarán a funcionar de mércores a domingo, con saídas ás 11:30 e ás 16:30 horas no Mencía, e as fins de semana engadiranse tamén percorridos ás 11:00 e ás 16:00 horas no Canón do Sil. Na ponte de outubro, o día 12 navegarán ambas embarcacións, mentres que o día 13 operará unicamente o Mencía no seu horario habitual. En novembro, o servizo limitarase ás fins de semana, con saídas do Mencía, e en decembro funcionará do día 1 ao 8, data na que finalizará a tempada.
No que respecta á Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, en xuño habilitaranse viaxes as fins de semana con tres frecuencias horarias, ás 11:30, ás 16:30 e ás 19:00 horas. Durante os meses de xullo, agosto e ata a primeira quincena de setembro, o servizo funcionará todos os días da semana. Na segunda quincena de setembro, haberá dúas frecuencias, ás 11:00 e ás 16:30 horas. En outubro, as saídas estarán dispoñibles as fins de semana e o día 12, con horarios ás 11:30 e ás 16:30 horas. En novembro, as viaxes realizaranse tamén as fins de semana, con saídas ás 11:30 e ás 16:00 horas, mentres que en decembro o servizo estará operativo do 1 ao 8, nas mesmas franxas horarias.