As rutas fluviais da Ribeira Sacra rexistraron preto de 60.000 viaxeiros no que vai de tempada

RibeiraSacraXa
A iniciativa, promovida pola Deputación de Lugo, consolídase como un dos grandes reclamos da provincia a nivel turístico
catamaran-ribeira-sacra
7 Oct 2025

As rutas fluviais que promove a Deputación de Lugo na Ribeira Sacra, rexistraron este ano preto de 60.000 viaxeiros desde o inicio da tempada, o pasado mes de marzo, cifra que supón un incremento do 11 % respecto ao pasado ano, consolidando estas experiencias como un dos grandes reclamos da provincia a nivel turístico.

O verán concentrou o 66 % das viaxes, con arredor de 39.400 persoas, e xa hai preto de 3.300 reservas programadas ata finais de ano. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, fixo balance este martes da tempada nos embarcadoiros de Ponte do Sil e Belesar, destacando que “baten récord cun 11 % máis de persoas respecto ao ano pasado”.

García Porto subliñou que a ocupación media roldou o 80 %, o que “reflicte o interese crecente por unha proposta turística singular, que permite descubrir a Ribeira Sacra desde o río, combinando natureza, patrimonio e tranquilidade”. A deputada destacou tamén que “son datos moi positivos que confirman o crecemento e éxito do modelo turístico sostible e de calidade impulsado pola Deputación, que convida a coñecer a Ribeira Sacra mediante unha experiencia única que combina natureza, cultura e desenvolvemento económico”. Ademais, puxo en valor o impacto económico que estas rutas teñen na comarca, xa que “son un motor para o turismo local, contribuíndo ao desenvolvemento da hostalería, o comercio e xerando riqueza”.

A campaña continuará ata o 7 de decembro con dúas rutas activas: a do Canón do Sil, con capacidade para 159 prazas, e a do Cabo do Mundo, con 63 prazas dispoñibles. Ambas contan con tarifas reducidas para colectivos, persoas xubiladas, mozos, desempregados e familias numerosas.

As reservas poden facerse a través da web https://reservas.rutasembalses.es, onde tamén se pode consultar toda a información sobre datas e horarios. Durante outubro e novembro, as rutas manterán servizos tanto en días laborables como nas fins de semana, prolongándose ata a ponte de decembro, cando rematará oficialmente a tempada.

⚙ Configurar cookies
0.26229000091553