As rutas en catamarán pola Ribeira Sacra rexistran preto de 800 reservas para estes días

RibeiraSacraXa
O aforo das embarcacións vese reducido á metade e a frecuencia das viaxes está adaptada para evitar concentracións de persoas nos embarcadoiros.
embalse
1 Abr 2021

Comezan os días festivos da Semana Santa e, con eles, a busca de plans que permitan desconectar do día a día sen poñer en risco a nosa saúde pola covid. Unha das opcións que está a rexistrar unha grande demanda son as rutas en catamarán polos ríos Miño e Sil, que organiza a Deputación e que contan con ao redor de 800 reservas para estes días.

A deputada de Turismo do ente provincial, Pilar García Porto, salienta o atractivo desta proposta no corazón da Ribeira Sacra, "que nos permite contemplar a paisaxe desde unha óptica diferente, desde os encoros, desde a auga e vendo o espectacular que é a paisaxe", e pon o énfase nas medidas anticovid que se levan a cabo nas embarcacións. "O ano pasado non se rexistrou ningún contaxio", asegura.

Neste senso, e como xa acontecera a temporada pasada, o aforo das embarcacións vese reducido á metade e a frecuencia das viaxes está adaptada para evitar que nos embarcadoiros se produzan concentracións de persoas.

As persoas interesadas en coñecer a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da institución provincial poden elixir entre dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, ou a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada.

As reservas fanse directamente a través da páxina web reservas.rutasembalses.es , a través do correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou chamando ao teléfono 982 260 196, de luns a venres, entre as 09:00 e as 14:30 horas.

Polo de agora, as rutas realízanse de mércores a domingo, pero a previsión é que na temporada alta se leven a cabo durante todos os días da semana.

ribeira sacra catamaran
0.092640161514282