As rupturas matrimoniais diminuíron en Galicia un 13 % en 2025 comparado co ano anterior

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Interpuxéronse 4.573 demandas, fronte ás 5.269 do ano anterior. Por cada 100.000 habitantes contabilizáronse 168,5 demandas, fronte ás 171,9 de media estatal
matrimonio-anels-divorcio
3 Apr 2026

O número de demandas de ruptura matrimonial (nulidades, separacións e divorcios) presentadas en Galicia en 2025 foi de 4.573, fronte ás 5.269 do ano anterior, o que supón un descenso do 13,2 %, segundo os datos recollidos polo Servizo de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial.

No período analizado obsérvase que todos os tipos de demanda sufriron un descenso. As de divorcio non consensuado foron as que experimentaron a baixada interanual máis acusada, un 29,1 %, xa que pasaron de 2.151 a 1.524. Pola súa banda, na comunidade rexistráronse 2.931 demandas de divorcio consensuado, é dicir, un 1,4 % menos que en 2024, cando se contabilizaron 2.973.

En canto ás separacións non consensuadas presentáronse 33, o que supuxo un descenso do 23,3 %, mentres que as consensuadas pasaron de 100 a 83, un
17 % menos. As nulidades matrimoniais mantivéronse respecto a 2024, rexistrándose dúas.

Na comunidade, por cada 100.000 habitantes, interpuxéronse, no período estudado, 168,5 demandas, fronte ás 171,9 de media estatal.

Procedementos de modificación de medidas en procesos de separación e divorcio e de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais

Ao longo de 2025 presentáronse 922 demandas de modificación de medidas consensuadas, o que supuxo un aumento interanual do 20,8 %. As demandas de modificación de medidas non consensuadas, en cambio, diminuíron, pois interpuxéronse 1.262, fronte ás 1.741 de 2024, un 27,5 % menos.

Os procedementos de modificación de medidas de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais consensuadas practicamente se mantiveron, pois se presentaron 1.048, é dicir, un 1,7 % menos, mentres que as non consensuadas descenderon un 23,9 %, pois se rexistraron 1.017, fronte ás 1.336 do ano anterior.

0.11646509170532