As reservas para as pistas de pádel e tenis de Chantada poderán facerse por internet

O Concello de Chantada instalou no 2023 unha nova Pista de Pádel na Área Multideporte do Pavillón Municipal. Estas novas instalacións, que entran en funcionamento de modo permanente esta semana, súmanse ás que xa tiña o Concello de Chantada ao carón da Piscina Municipal. As dúas pistas de pádel, que necesitan de reserva para a súa utilización, contan desde este luns cun novo sistema de reserva a través da web municipal.
Agora osas usuarios recibirán no móbil un código qr no momento de facer a reserva, con ese código poderán acceder á Pista de Pádel que hai ao carón do Pavillón Municipal. Na pista da Piscina, a apertura das instalacións seguiraa facendo persoal municipal, se ben a reserva queda habilitada na web tamén para esta instalación e as das Pistas de Tenis.
Co novo sistema de reserva e apertura instalado na Pista de Pádel do Pavillón, esta pista ábrese de modo permanente para a súa utilización pola veciñanza. As obras destas instalacións comenzaron no 2023 e no 2024 instalouse a cuberta. Investíronse 170.000 euros a través de dúas subvencións da Xunta de Galicia para a mellora de infraestruturas deportivas.
As instalacións contan cunha pista estándar de céspede artificial de 20x10 metros, peche perimetral de malla electrosoldada e cristal templado, 4 torres de iluminación, 2 servizos para o público e zona de estacionamento.