As promesas do voleibol feminino cítanse en Monforte no Preeuropeo Sub-16

O Pavillón Municipal de A Pinguela será o escenario, os próximos días 25, 26 e 27 de abril, do Campionato Preeuropeo de Voleibol Sub-16 feminino, que enfrontará ás seleccións de Italia, Finlandia, Austria e España por unha das dúas prazas que dan acceso a participar no Campionato de Europa.
A Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Servizos, Obras e Medio Rural, José Luis Losada, visitaron o pasado 16 de abril o Polideportivo Municipal de A Pinguela para dar a benvida ás xogadoras da selección durante unha das súas xornadas de adestramento.
Gloria Prada, en representación do equipo de goberno, quixo transmitirlles ánimo e forza para os próximos días, convencida de que a selección está facendo todo o posible por conseguir o mellor resultado no Preeuropeo. As 16 xogadoras presentes nunha das súas sesións de adestramento, liderada polo seleccionador español Juan Carlos Suárez, agradeceron o xesto de cariño e manifestaron o seu entusiasmo ante a competición, que se celebrará nos próximos días, así como o seu eloxo polas instalacións deportivas de Monforte.
O xoves pola tarde, as catro seleccións participantes realizaron os seus adestramentos oficiais, que repitiron esta mañá, antes de que a competición comece ás 17:00 horas co primeiro encontro entre as seleccións de Austria e Italia. España debutará no campionato ás 19:30 horas, enfrontándose á selección de Finlandia.
Os encontros correspondentes á xornada do sábado serán os que enfronten a Finlandia e Italia ás 17:00 horas, e ás seleccións de España e Austria ás 19:30 horas. Na última xornada do domingo, xogaranse os partidos entre Austria e Finlandia ás 17:00 horas, e España e Italia ás 19:30 horas.
Este evento deportivo, organizado pola Federación Española de Voleibol e co patrocinio do Concello de Monforte, que aporta unha subvención de 15.000 euros, supón, entre outras cousas, unha posta en valor do Pavillón Polideportivo Municipal de A Pinguela, que grazas á reforma realizada en 2023, ten a capacidade de albergar eventos internacionais desta índole.
Tamén supón unha importante promoción do voleibol nun Concello como o de Monforte, que conta cun gran número de practicantes que realizan a súa actividade no Club Korbis e no C.V. Ribeira Sacra, os cales colaboran activamente na organización do campionato.
A entrada é completamente gratuita e desde o Concello de Monforte queremos animar a todos os monfortinos e afeccionados ao voleibol e ao deporte en xeral a que se acheguen os días 25, 26 e 27 de abril ao Pavillón Municipal de A Pinguela para desfrutar desta competición e animar á nosa selección para que logre os mellores resultados posibles.
O alcalde transmite a súa satisfacción porque esta competición de alto nivel se celebre en Monforte, “convertindo a nosa cidade nun referente do voleibol”, e agradece á Federación Española de Voleibol, así como ao Club Deportivo Korbis e ao C.V. Ribeira Sacra, todo o traballo que están realizando por esta disciplina deportiva na cidade, así como a súa iniciativa por traer a Monforte este campionato.