As prazas para as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra están case cubertas

RibeiraSacraXa
A día de hoxe está cuberto practicamente o 85% das prazas dispoñibles para facer as rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra.
catamarán ribeira sacra 2
11 Xul 2021

A día de hoxe está cuberto practicamente o 85% das prazas dispoñibles para facer as rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra, un dato importante nunha tempada clave para a recuperación do turismo e da hostalaría.

As dúas rutas que a Deputación de Lugo ofrece polos leitos dos ríos Miño e Sil xa rexistraron máis de 10.000 viaxeiros -máis de 8.000 persoas segundo os rexistros do embarcadoiro de Ponte do Sil e por riba dos 2.000 no de Belesar- dende que arrancou a presente tempada no mes de marzo e, segundo explicou a Pilar García Porto, na actualidade está practicamente todo completo para os meses de verán.

A Deputada explicou que “desde que comezou este mes de xullo cambiou totalmente o perfil do visitante. Se antes era maioritariamente galego, agora é sobre todo de fóra de Galicia. Nun 80% son viaxeiros do resto de España, pero aínda temos pouca representación de turista internacional”.

García Porto comentou que “outra boa nova deste mes é que o servizo de catamaráns da Deputación de Lugo recuperou as viaxes en grupo. Reservas de 30 ou 40 persoas que completan dunha vez a metade das prazas dunha das embarcacións”.

“Levamos tempo traballando para consolidar un modelo de turismo sostible, de calidade, que promove un fluxo de visitantes ó longo de todo o ano, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego no rural, e dende logo, o servizo público de rutas en catamarán pola Ribeira Sacra é unha parte central deste traballo e deste modelo de turismo, como o son tamén outras iniciativas que impulsamos dende a área de Turismo, como, por exemplo, o programa Coñece a túa Provincia, viaxes gratuítas pola provincia para entidades sen ánimo de lucro, para as que temos aberta a inscrición ata o final deste mes”, lembrou García Porto.

Reservas e horarios

Ata finais de ano, as persoas interesadas en coñecer a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación de Lugo poden acceder á web reservas.rutasembalses.es, ou ben contactar no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196 en horario de luns a venres, de 09.00 a 14.30 horas.

En xuño, xullo, agosto, e ata o 12 de setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 12 de setembro e ata a Ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día.

0.1928129196167