As pistas polideportivas do parque da Constitución de Quiroga locen renovadas
As pistas polideportivas do parque da Constitución de Quiroga están a ser renovadas para poder ofrecer as mellores instalacións aos veciños.
Os traballos consistiron na substitución da malla inferior da pista por unha nova e o peche do recinto cun valado de madeira tratada, retirando as vallas metálicas.
Antes de realizar estes traballos, realizáronse labores de roza e limpeza do talude da parte de abaixo do parque. Para todo isto, o concello contou cun investimento de máis de 20.000 € con cargo ao Plan Único do 2021.
Estas pistas, moi utilizadas a diario polos rapaces, tamén acollen no verán distintos campionatos de 3 x 3 Street Soccer e 2 x 2 Street Voleibol. O fútbol sala é dende fai anos o deporte por excelencia dos nenos e nenas de Quiroga, pero o voleibol é un deporte que está agora en auxe, pois nestes momentos medio cento de rapaces e rapazas participan nesta modalidade das Escolas Deportivas.
OUTROS TRABALLOS
Estas melloras nas instalacións deportivas súmanse aos traballos que se están realizando coa construción do novo cemiterio e da nova rúa que une a rúa Tallos coa Rego da Silva.
A rúa terá unha lonxitude de 200 metros e unha anchura de 16 m. Estes traballos retardáronse debido á necesidade de trasladar os postes do servizo eléctrico e de telefonía para poder traballar na totalidade do terreo. Paralelamente tamén se traballa no cemiterio municipal ao que esta nova rúa dará acceso.