As piscinas municipais de Chantada abrirán ao público o vindeiro luns

RibeiraSacraXa
O Concello decidiu adiantar a súa apertura ao día 23 de xuño e as instalacións permanecerán en funcionamento ata o 15 de setembro
piscinas-municipais-chantada-2
Piscina municipal de Chantada
18 Jun 2025

O Concello de Chantada programa para este verán ampliar o servizo da Piscina Municipal, de modo que as instalacións abrirán antes, o 23 de xuño, e manteranse abertas ata o 15 de setembro

“As previsións climatolóxicas destes días fan que poidamos abrir as piscinas xa o 23 de xuño, unha vez que rematen as clases, e se o mes de setembro é bo, estarán abertas, como mínimo, ata mediados de mes”, explica o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela. “Será a primeira vez que as piscinas estean abertas case 3 meses para que todos poidamos gozar durante o verán destas fantásticas instalacións que temos en Chantada”.

As Piscinas Municipais de Chantada, situadas na rúa Serra do Faro, ao carón das Piscinas Climatizadas, contan coa piscina para adultos/as e o vaso para nenas e nenos; ademais de amplas zonas verdes e espazo de estacionamento. A entrada ás instalacións é gratuíta.
Durante os meses de xullo e agosto, de luns a venres, o horario será de 12:00 a 14:00 horas e de 15.00 a 20:30 horas, mentres que os sábados, domingos e festivos, abrirán en horario continuado de 12:00 a 20:00 horas. Pola súa conta, en xuño e setembro o horario de apertura será de 16:00 a 20:00 horas de luns a domingo.

As Piscinas Municipais de Chantada contan con persoal formado para atender á seguridade dos usuarios e á correcta utilización das instalacións. Durante o verán o Concello de Chantada tamén organiza aquí diferentes actividades deportivas e de lecer, especialmente destinadas á poboación máis nova.

⚙ Configurar cookies
0.16864800453186