As persoas interesadas en xestionar o xeocámping de Ribas de Sil xa poden presentar a súa proposta
O Concello de Ribas de Sil publicou a licitación para poder optar á xestión do xeocámping de Ribas de Sil que se sitúa en San Clodio, no recinto onde se atopa o museo da minaría romana.
Así, as persoas interesadas en xestionar esta nova infraestrutura terán ata finais de xuño para presentar a súa proposta de xestión e actividades centradas no camiño de inverno, na Ribeira Sacra e no Xeoparque " Montañas do Courel". A calidade do proxecto presentado terá un peso de 100 puntos dun total de 160 e será vinculante para o adxudicatario e primará por riba do canon anual. Tamén incluirá a valoración das inversións estructurais que se fagan no complexo e que despois revertirán no concello.
Entre as responsabilidades da persoa que se queira facer cargo do xeocámping, está a obriga de que este permaneza aberto nos meses de tempada alta e puntuarase favorablemente o aumento de máis meses de apertura.
Por outra parte, o adxudicatario terá que facerse cargo do mantemento do CIMAR e de manter un horario mínimo de apertura. Ademais, este será o primeiro Campamento Turístico Temático de Galicia ao albergar un museo de minaría no interior das instalacións e primar as actividades relacionadas co xeoparque.
"As datas de licitación e os prazos están pensados para que sexa o novo equipo de goberno que xorda das eleccións locais o que xestione e decida cal é a persoa ou empresa máis idónea para facerse cargo deste complexo turístico que aumentará a oferta de hospedaxe no noso territorio formado polos tres concellos do xeoparque Montañas do Courel", explican desde o goberno local.