As persoas interesadas en visitar o matadoiro móbil de Chantada poderán facelo nas xornadas de portas abertas

RibeiraSacraXa
A Consellería do Medio Rural organiza unhas xornadas de portas abertas para todas aquelas persoas interesadas en coñecer o novo matadoiro móbil impulsado pola Xunta de Galicia.
matadoiro móbil Chantada Xunta
5 Feb 2024

A Consellería do Medio Rural organiza unhas xornadas de portas abertas para todas aquelas persoas interesadas en coñecer o novo matadoiro móbil impulsado pola Xunta de Galicia.

A primeira quenda de visitas estará orientada a persoal profesional do eido gandeiro e terá lugar mañá, martes 6 de febreiro, no polígono industrial Os Acivros, localizado no Concello de Chantada.

O mércores 14 de febreiro está programada outra xornada de portas abertas, nesta ocasión dirixida a público xeral que queira visitar as instalacións e coñecer a nova unidade móbil de sacrificio de Galicia. O horario en ambas as dúas datas é de 8.30 a 14.30 horas.

Os gandeiros interesados en facer uso do servizo do matadoiro móbil, que está operativo dende o 19 de xaneiro, poderán chamar ao mesmo número de teléfono (982 251 201) para encargar esta prestación.

Tendo en conta as demandas, organizaranse as rutas do matadoiro, procurando sempre optimizar este recurso, que ten como principal obxectivo mellorar a xestión e a rendibilidade de moitas explotacións gandeiras de pequeno tamaño de zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e situadas a distancia dos matadoiros convencionais.

Esta nova unidade de sacrificio matadoiro facilitará o sacrificio de ovellas, cabras e porcos -neste caso especialmente das explotacións de porco celta-, en zonas afastadas ou de montaña, optimizando así a xestión destas explotacións ao reducir os custos de transporte do gando e mellorando ao tempo a calidade da carne e o benestar animal.

0.19670605659485