As persoas interesadas en participar do Mercado de Outono de Monforte xa poden inscribirse
Xa está aberto o prazo para participar do Mercado de Outono de Monforte de Lemos, que se celebrará na Praza de Abastos da cidade os días 4 e 5 de novembro de 2023 e as bases da convocatoria están publicadas na páxina web do Concello.
O prazo, que rematará o día 25 de outubro de 2023, servirá para que as persoas interesadas en participar e así promover e divulgar os produtos gastronómicos propios do outono, "xa que nesta mostra reunimos ano a ano a produtores e comerciantes que aportan variada selección de produtos frescos e elaborados que non poden faltar nas comidas de outono”, explicou o alcalde, José Tomé.
Así, nesta nova edición do Mercado de Outono poderán participar produtores e comerciantes do sector alimentario relacionados con produtos de tempada de outono, sobre todo os relacionados cos froitos do bosque: cogomelos, castañas, noces, marmelos, froitos do bosque, entre outros, así como aqueles produtos elaborados e transformados dos mesmos.
“Este tipo de mercados que organizamos dende a área de promoción económica do Concello, tamén son unha oportunidade para dar a coñecer novas empresas ou produtores que están a iniciar un proxecto empresarial e que poden utilizar estas instalacións como un escaparate para os seus produtos”, destaca o alcalde.
Ademais dos postos alimentarios que formarán parte do Mercado de Outono na Praza de Abastos de Monforte, dende o Concello organizaranse tamén diversas actividades de ocio e lecer para aqueles que visiten o Mercado: contacontos, obradoiros, exposicións e degustacións gastronómicas.