As participantes no proxecto 'Redes Lilas' elaboraron un tendal con obxectos que representan a desigualdade

RibeiraSacraXa
O proxecto do Concello de Sober ‘Redes Lilas’, posto en marcha polo departamento de Servicios Sociais municipal e as traballadoras sociais Ana de la Torre e Patricia González, vén de realizar a segunda actividade da súa programación feminista na Casa da Cultura do Concello de Sober.
Redes Lilas Sober tendal
30 Mar 2024

O proxecto do Concello de Sober ‘Redes Lilas’, posto en marcha polo departamento de Servicios Sociais municipal e as traballadoras sociais Ana de la Torre e Patricia González, vén de realizar a segunda actividade da súa programación feminista na Casa da Cultura do Concello de Sober.

Arrancou coa actividade Deconstruíndo para respirar, un faladoiro no que todas as mulleres que se achegaron abordaron as dificultades vitais ás que se enfronta a figura feminina polos prexuízos e deberes socialmente asociados ao xénero e sobre as dificultades ás que se enfronta a figura feminina en diferentes eidos sociais.

A educadora social Selene Arias guiou a sesión, que arrancou indicando a visible variedade de perfís de idade e procedencia entre as participantes. Logo de propoñer quendas para que cada unha explicase o motivo da súa asistencia, esta pasou a ser unha conversa ao redor dunha merenda doce na que todas as voces abriron temáticas e aportaron percepcións sobre problemáticas como a obxectivización da muller no eido laboral, o reparto das tarefas domésticas ou a banalización da violación.

O peche da actividade, na que se mantivo o intercambio de vivencias, consistiu na creación dun tendal composto de obxectos representativos da desigualdade. Cada unha das asistentes trouxo o seu propio elemento e xustificación: máscara de pestanas para “sacar partido á mirada” e atopar parella, abano porque “só as mulleres e os homosexuais se abanan”, crema anticelulítica ou mandilóns.

Entre estes, algunhas animáronse a escribir mensaxes ou lemas en luvas de plástico, como unha rapaza de 20 anos que puxo a tender, entre os outros obxectos, “o paternalismo dos meus compañeiros de clase”.

Outros asuntos analizados

A maternidade e as responsabilidades asumidas pola muller na crianza foi outro dos asuntos especialmente analizados. Dende os grupos de WhatsApp con nais de escolares ata os coidados despois do divorcio, pasando pola lectura dun escrito propio dunha das participantes sobre o que é considerado “mala nai”, tamén incluído entre os elementos do tendal.

Os obxectos e verbas atópanse colgados no parque do Concello de Sober para darlles visibilidade. Esta é a primeira das accións programadas, todas financiadas polo Pacto Estado contra a Violencia de Xénero do Estado, que dá un froito visible para os ollos alleos aos encontros de ‘Redes Lilas’, sempre abertos a recibir máis mulleres da zona que se queiran sumar a algunha das actividades, todas elas gratuítas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18667101860046