As participantes do proxecto Redes Lilas de Sober deseñaron unhas 'tote bags' feministas

RibeiraSacraXa
O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta actividade esta mesma semana, apotando, nesta ocasión, por unha dinámica grupal de deseño de bolsas, coñecidas como tote bags, con frases, debuxos e símbolos relacionados co movemento feminista e a loita individual de cada muller.
Redes Lilas Sober actividade
25 Abr 2024

O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta actividade esta mesma semana, apotando, nesta ocasión, por unha dinámica grupal de deseño de bolsas, coñecidas como tote bags, con frases, debuxos e símbolos relacionados co movemento feminista e a loita individual de cada muller.

O obxectivo tras a personalización do accesorio, proceso no que estivo pendente dos materiais e peticións das participantes a educadora social Selene Arias Sáez, é que cada muller poida estar acompañada nos diferentes eidos da vida diaria (rúa, traballo, espazos de ocio…) pola súa proclama persoal.

Ademais, a propia sesión, que tivo lugar na Casa da Cultura do Concello de Sober, permitiu que as mulleres sumasen á súa axenda semanal unhas horas dedicadas a elas mesmas, á súa creatividade e a compartir tempo con persoas do mesmo xénero pero diferentes idades, inquedanzas e contextos sociais.

Na súa chegada ás instalacións, o grupo atopouse con slogans, frases de figuras célebres e ilustracións impresas para tomar como inspiración nas súas elaboracións. As bolsas de tea remataron decoradas a toda cor e con mensaxes como “Onde existiu o medo, hoxe berra a rabia”, “Este corpo é todo meu” ou as acepcións da palabra ‘sororidade’ (solidariedade entre mulleres).

O proxecto está a conseguir a súa función de rede de apoio feminina, sumando nesta última sesión participantes de concellos veciños e unha muller procedente de Xixón, que leva na zona un mes escaso.

Á conquista en común do eido artístico entre as mulleres de ‘Redes Lilas’ seguirana, no seu calendario de propostas, a do eido relacional e a do social e comunitario. O grupo feminista recorda que as mulleres que o desexen poden sumarse ás actividades, que promocionan dende a conta de Instagram @redes.lilas.

0.11984419822693