As mulleres do CIM de Quiroga elaboraron un mural con motivo do 8M

O Centro de Información á Muller de Quiroga conmemorou o Día Internacional da Muller coa elaboración dun mural colectivo no que participaron persoas usuarias do propio centro.
A actividade desenvolveuse ao longo da semana pasada e consistiu nun traballo conxunto de creación artística no que, a través de papel, pintura e da colaboración das persoas participantes, se foi dando forma a unha obra cunha mensaxe reivindicativa. O mural incorpora a frase “Metéronnos medo, crecéronnos ás”, unha expresión que simboliza a forza, a superación e o camiño que moitas mulleres foron abrindo ao longo do tempo.
Desde o centro destacan que se trata de “un pequeno traballo feito entre todos que tamén nos invita a reflexionar e a lembrar a importancia de seguir avanzando xuntas”, poñendo o acento na importancia de continuar avanzando en igualdade e no recoñecemento do papel das mulleres na sociedade.
A iniciativa enmárcase nas actividades organizadas con motivo do 8 de marzo e busca fomentar a reflexión colectiva e a participación arredor dos valores de igualdade e empoderamento feminino.