As parroquias da Pobra do Brollón contarán cun Punto Limpo Móbil a partir do luns e ata xullo
Este luns, 17 de abril, un vehículo de Punto Limpo percorrerá as parroquias do Concello da Pobra do Brollón, que organiza esta iniciativa para xestionar mellor os residuos xerados nos fogares do municipio.
Este Punto Limpo Móbil visitará todas as parroquias do Concello seguindo un percorrido que se pode ver na páxina web do Concello, situarase nos puntos previamente sinalizados e permanecerá durante algúns días en cada parroquia.
Nel poderanse depositar determinados refugallos para a súa posterior reciclaxe: pilas, medicamentos e os seus envases, lámpadas e tubos fluorescentes, aerosois, aceite usado de cociña, envases baleiros de pinturas, tóners e cartuchos de impresoras.
Dende o Concello piden a colaboración da cidadanía "facendo un uso correcto do Punto Limpo Móbil e coidando que se manteña en boas condicións para que toda a comunidade do Concello da Pobra do Brollón poida facer uso del".