As ordes de protección de vítimas de violencia machista aumentan un 17 %

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O número de mulleres vítimas, entre xullo e setembro, ascendeu a 1.
25N violencia de xenero lugo4
25 Dec 2023

O número de mulleres vítimas, entre xullo e setembro, ascendeu a 1.856, dous máis que o ano anterior. En Galicia, no período estudado, 13,3 mulleres de cada 10.000 sufriu violencia de xénero.

Os xulgados galegos que asumen os casos de violencia sobre a muller concederon entre xullo e setembro deste ano 355 ordes e medidas de protección e seguridade, un 16,8 % máis que nas mesmas datas de 2022. En total, recibiron 521 peticións desta medida protectora -un 5,9 % máis que en 2022-, das cales foron concedidas o 68 %; mentres que os xulgados en funcións de garda incoaron 110, das que adoptaron 72, o 65,4 %, segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

Durante o período estudado, os xulgados da comunidade rexistraron 1.856 denuncias por violencia de xénero, practicamente as mesmas que no mesmo período de 2022, cando recibiron 1.854. A gran maioría (1.499) chegaron aos órganos xudiciais a través de atestados policiais con denuncia das vítimas, mentres que as interpostas pola contorna das vítimas -41- apenas alcanzaron o 2,2 % do total.

O número de mulleres vítimas tamén se mantivo, pois entre xullo e setembro contabilizáronse 1.856, dous máis que en 2022. A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia foi de 13,3, a máis baixa do Estado, cuxa media se situou en 21,4. En total, no terceiro trimestre do ano rexistráronse 17 menores tutelados vítimas de violencia de xénero, fronte aos 22 das mesmas datas de 2022. Neste último dato contabilízanse aos fillos/as de vítimas sobre os que o maltratador exerceu violencia de forma directa.

Os xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e as audiencias provinciais de Galicia ditaron entre xullo e setembro en procesos de violencia de xénero 500 sentenzas, das cales 417, é dicir, o 83,4 %, foron condenatorias. No período estudado, os xulgados de menores axuizaron a cinco persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller.

Segundo os datos estatísticos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, na comunidade aumentaron un 71,3 % os casos de vítimas que se acolleron a dispensa para non declarar, pois no terceiro trimestre optaron por esta opción 137 mulleres, fronte ás 80 que o fixeron nas mesmas datas de 2022.

Os datos relativos ás medidas civís ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller para protexer aos fillos das vítimas, que reflicten as modificacións legais introducidas na Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, reflicten que entre xullo e setembro os órganos xudiciais galegos adoptaron 32 medidas consistentes na suspensión do réxime de visitas, case as mesmas que no mesmo período de 2022, cando decretaron 37.

0.094356060028076