As obras para poñer en marcha a residencia da Pobra do Brollón comezarán en abril
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que unha nova empresa adxudicataria estará en disposición de comezar na segunda quincena do mes de abril as obras da residencia da Pobra do Brollón.
O mandatario provincial avanzou que a Xunta de Goberno autorizará este mesmo venres, 15 de marzo, a cesión do contrato de construción do Centro de Atención a Maiores á mercantil Construcciones Castro Figueiró SLU por un importe de case 2,2 millóns de euros, un procedemento administrativo que acurta os tempos, pois permite iniciar os traballos de inmediato sen necesidade dunha nova licitación.
José Tomé subliñou que, deste xeito, a Deputación conclúe coa máxima celeridade o proceso para encargar as obras a unha nova empresa, pois só pasaron tres meses dende que a anterior adxudicataria (Construcciones Alea SL), que está en concurso de acredores, renunciase a asinar a acta de replanteo, o paso previo e imprescindible para poder iniciar os traballos de construción do CAM.
O acordo de cesión de contrato, solicitado conxuntamente o pasado día 21 de febreiro por Construcciones Alea SL (a empresa cedente) e Construcciones Castro Figueiró SLU (a cesionaria), é un instrumento previsto no artigo 214 da Lei de Contratos do Sector Público. Consiste nun negocio xurídico bilateral no que son parte o contratista e o terceiro (cesionario), sendo allea a administración, se ben debe autorizalo.
Na Xunta de Goberno deste venres, a Deputación aprobará a cesión de contrato e requirirá á nova adxudicataria que, nun prazo de 10 días hábiles dende a notificación do acordo, presente a escritura pública de formalización da cesión e o resgardo acreditativo da garantía definitiva. Unha vez entregados estes documentos e asinada acta de replanteo, os traballos poderán comezar, na segunda quincena do mes de abril.
Un compromiso "firme"
“Sempre mantivemos firme o noso compromiso cos veciños e veciñas da Pobra do Brollón de construír a residencia, e cumprímolo”, subliñou o Presidente, quen destacou que o Goberno provincial solucionou as reiteradas dificultades que a institución tivo para elo por causas totalmente alleas á súa xestión, pois debéronse ao incumprimento das súas obrigas por parte das empresas que resultaron adxudicatarias. O prazo de execución das obras, unha vez iniciadas, é de 12 meses.
O Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón estará situado nunha parcela da Avenida de Outeiro, ao carón do centro de día do municipio. Será un edificio disposto en dous bloques compactos en forma de L en planta baixa, cun pequeno semisoto e unha superficie construída de 1.779 metros cadrados e terá capacidade para un máximo de 38 prazas de residencia.
Contará con catro áreas diferenciadas: a residencial; a de dirección e administración; a de servizos xerais; e a de atención especializada. Na área residencial atoparanse os dormitorios, as zonas de convivencia e espazos diáfanos. Na área de dirección e administración, que se atopará no recibidor de entrada, será onde estean os despachos e onde se reciban ás persoas de fóra do centro. Na área de servizos estará a cociña, o comedor, os corredores e o soportal exterior; e no semisoto localizarase a lavandería e os locais de mantemento e seguridade. A cuarta área será a de atención especializada, onde se integrará o despacho médico, a sala de curas, dúas habitacións de enfermaría, e un baño asistido. A área de rehabilitación situarase nun local independente próximo a zona de recepción.